Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor CxG preséntase na bisbarra con propostas para incentivar o emprego e a economía do Val Miñor.

CxG preséntase na bisbarra con propostas para incentivar o emprego e a economía do Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
cxg-pazo-mendoza

- A presentación estivo presidida polos nacionalistas Pepe Valverde (Gondomar), Xoaquín Dacosta (Gondomar) e máis Jesús Recouso (Nigrán).

A formación nacionalista Compromiso por Gallicia (CxG) presentouse oficialmente na bisbarra ca fin de desenvolver un proxecto de traballo nos tres concellos do Val Miñor. A instancia tivo lugar o martes pasado no Pazo de Mendoza de Baiona, onde tamén foi dada a coñecer unha proposta para incentivar a reactivación da economía da bisbarra, nomeadamente a través dun plan de emprego e turismo.

Na documentación presentada, recóllense unha serie de medidas destinadas tanto ao fomento do emprendemento, como ao pequeno comercio, o turismo, a mellora da estrutura socioeconómica e a atracción e creación de empresas de base tecnolóxica. Trátase, asegurou Jesús Recouso, de "apoiar ás empresas existentes á vez que sentar as bases dunha evolución económica baseada no aproveitamento dos factores da comarca e arredores". A creación dunha central de compras para o pequeno comercio, concursos de emprendemento, incentivos fiscais e o desenrolo dun plan de marketing específico para o sector turístico, están entre as medidas que propoñen no seu extenso documento. Os galeguistas valoraron positivamente as medidas adoptadas nos diferentes concellos da comarca, pero consideran preciso "afondar un pouco máis non só na creación de emprego, senón no cambio de paradigma económico, apoiando ao turismo e ao resto de sectores".

Para a implantación, que pretende ser dinamizada pola Mancomunidade do Val Miñor, CxG fixo un chamamento "ao conxunto dos partidos políticos, tanto gobernantes como oposición, así como ás asociacións, para traballar xuntos cara unha comarca máis forte e evolucionada". Nesta liña, aseguran que manterán conversas coas diferentes agrupacións, para fomentar a aprobación do plan presentado. Así, insistiron en que "consideramos preciso realizar unha oposición construtiva que mire máis aló das disputas políticas e teñan como obxectivo final a cidadanía". Por iso, aseguraron que continuarían nesta liña, "facendo propostas que aporten valor, pese a que esteamos na oposición"