Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Val Miñor a voo dun Quadcopter.

O Val Miñor a voo dun Quadcopter.

Correo-e Imprimir PDF
foto aerea_gondo_3
foto aerea_gondo_3
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Dende hai algunhas semanas un mini-helicóptero non tripulado de catro motores sobrevoa o Val Miñor. O seu obxectivo non é outro que capturar fermosas imaxes de Baiona, Gondomar e Nigrán dende unha perspectiva aérea. O fotógrafo miñorano Carlos Costas é o impulsor deste proxecto nel que leva investidos máis de cinco mil euros. Dende agora, as vellas fotografías aéreas que adornaban as casas poderán ser substituídas ou acompañadas por imaxes en alta definición en formato vídeo, panorámicas de 360º ou moitas outras opcións que aportan as novas tecnoloxías.

 As primeiras imaxes aéreas foron tomadas en Gondomar. O Quadcopter modelo Mikrokopter de orixe alemán, está a facer as súas primeiras andainas teledirixidas dende finais de marzo. Xa pódense ver nas redes algúns destes percorridos pola parroquia de Vilaza ou a vila condal. Na súa base, unha pequena cámara dixital (6 x 4 cm, con full HDD e sensor de 11 MGPX), cun obxectivo angular de 180º, a modo de gran ollo de pez, vai fotografando ou filmando o voo capturando imaxes que poden alcanzar os 1500 metros de altura, obtendo perspectivas sorprendentes das chans, fincas e urbanizacións do val.

 Un voo por Gondomar dende a igrexa de San Bieto

Dim lights Embed Embed this video on your site

A tarefa non é doada, sinala Carlos Costas (37 anos), quen nos primeiros días vía como o seu prezado aparello se perdía nas alturas, converténdose nun punto case invisible. Nembargante, estes arrepíos que provocaba o temor a perder a custosa carga, foron desaparecendo a partir das primeiras prácticas de voo. Fotografar ou filmar un obxectivo implica situar o aparello nun punto específico nas alturas e controlar o voo ante as inclemencias do tempo, nomeadamente o tema do vento. Para iso, o mini-helicóptero conta cun GPS e un mando a distancia ao estilo dos utilizados no aeromodelismo.

Un voo pola parroquia de Vilaza.

Dim lights Embed Embed this video on your site

O resultado son fermosas vistas, entre elas as de fincas que fan lembrar aquelas que décadas atrás se popularizaron en moitas casa de Galicia, tomadas dende helicópteros ou pequenos avións. Hoxe as novas tecnoloxías permiten que as mesmas teñan unha resolución de excelente calidade e podan reproducirse en formato vídeo, panorámicas de 360º, etc, e por riba a prezos moi accesibles.

 

Carlos Costas leva unha ducia de anos como fotógrafo de estudo en Gondomar. Mais ten outras afeccións neste campo como a fotografía submarina e a realización de reportaxes de corte etnográfico ou sociais. Nese senso leva desenvolvidas exposicións relativas aos curros do Val Miñor así como da catástrofe do Prestige. Afirma que como todos, agora atravesa momentos difíciles por mor da crise. Nembargante o fotógrafo non se rende, e con moito valor investiu máis de cinco mil euros do seu peto neste proxecto cara a ofrecer un novo servizo aos veciños e institucións da bisbarra.