A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e infraestructuras, baralla a posibilidade de trasladar a ubicación actual da ponte románica da Ramallosa a un enclave máis próximo ao esteiro da Foz. O motivo esgrimido dende a administración autonómica sería o de darlle unha maior visibilidade ao monumento, actualmente ocultado pola ponte nova da estrada comarcal C-550 que une Nigrán e Baiona.
Valminor.info tivo acceso onte á documentación relativa a un ante-proxecto redactado por unha empresa de enxeñería viguesa, e que pasaría a engrosar o futuro plan de mobilidade autonómico, tamén coñecido como PLAN MOVE, actualmente en fase de redacción e que recolle diversos proxectos sectoriais para o Val Miñor, como a polémica autovía urbana dende Saiáns a Porto do Molle ou os viais de Gondomar a Tomiño.
Cun orzamento inicial de 4,2 millóns de euros, o proxecto consistiría no traslado "pedra por pedra", da ponte románica da Ramallosa a unha posición máis próxima á desembocadura, superando o atranco visual da actual ponte de formigón utilizada para o tráfico rodado. As pezas serían numeradas unha a unha, e aproveitaríase este traslado para cambiar alguns sillares que presentan mal estado, ou zonas que perderon parte da cementación. A obra tamén serviría para mellorar a zona peonil superior da ponte, que actualmente presenta unha superficie totalmente irregular e que dificulta o paso aos usuarios e usuarias desta senlleira ponte.
Un paseo único.
Este sería o "slogan" que recolleria a presentación do proxecto. A continuidade dos paseos litoriais de Baiona e A Ramallosa a través da ponte románica. Unha ponte que uniría os actuais paseos que discurren bordeando a Foz do Miñor deixando aparte o carril bici que seguiría o seu trazado pola actual ponte nova, tal e como se atopa na actualidade.
Na memoria descriptiva do proxecto, a empresa responsable fala da importancia de recuperar "el horizonte del paisaje tradicional de Rió Miñor en La Ramallosa en donde siempre figuraba la estampa del puente románico en primer término".
Iluminación ecolóxica por vento
O proxecto contempla que a iluminación nocturna da ponte se realice dun xeito "ecológico y sostenible". O proxecto contemplaría a colocación de un muiño de vento cunha turbinas eólicas de 600W, no lado do paseo de Baiona, encarado á entrada da ría. Este muiño levaría parello un sistema de almacenamento por baterías que permitirían almacenar a corrente durante o día para dar luz pola noite a toda a faciana de pedra da ponte, permitindo "ensalzar e iluminar" o monumento dun xeito auto-suficiente e sustentable. Estos sistemas de auto-suficiencia eléctrica son máis frecuentes en granxa e casas en zonas rurais en paises como Suecia , EEUU ou mesmo en Portugal onde nas zonas de costa están tendo un importante impacto.
Financiación e mantemento
A empresa propón varias fontes de financiación para o proxecto. A máis chamativa sería a do cobro de 1 céntimo de euro a cada peón que decidise cruzar a ponte. Un modelo que evoca ao famoso "penny brigde" de Dublín, onde os cidadáns pagaban un penique da época, por curzar a ponte que dividía a parte "pobre" e a parte "rica" da cidade irlandesa.
A outra alternativa de financiamento pasaría por que as obras fosen financiadas ao 100% pola empresa concesionaria da autoestrada do Val Miñor, con cargo a un incremento adicional do 1% no prezo da peaxe entre Vigo e Baiona durante 20 anos. A empresa concesionaria sería a encargada do mantemento da ponte histórica así como da súa explotación.
Visto bó
Este ante-proxecto tería que recibir o visto bó de todas as administracións, tanto locais como autonómicas, así como dos organismo implicados na conservación do patrimonio. O trámite administrativo tamén tería que pasar por unha exposición pública que daría pé á presentación das alegacións que veciños ou entidades consideren oportunas.
O proxecto estaría financiado con cargo aos presupostos do ano 2015, polo que a súa tramitación augúrase longa dada particularidade da obra e as trabas administrativas polas que tería que pasar.