Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Novo "sablazo" por circular de Baiona a Vigo por autoestrada

Novo "sablazo" por circular de Baiona a Vigo por autoestrada

Correo-e Imprimir PDF
Ap9chapela-autopista-ap9-hacia-vigo

O prezo do tramo de Baiona a Vígo pola autoestrada de titularidade autonómica subirá un 3,3% pasando a custar 1,65€ por viaxe.

O aumento das tarifas está relacionado directamente cos datos do IPC do último ano e supostamente compensado polo tráfico rexistrado e as previsións para este ano 2013.

 A Plataforma convoca unha nova xornada de boicot á AP9 o 28 de decembro, na que pide que se utilicen vías alternativas

O 1 de xaneiro volverá a ser máis caro viaxar por Galicia, ainda que sexa a única vía de comunicación do eixo atlántico norte - sur. Esta nova subida que vai dende o 3,3% para as autoestradas de titularidade autonómica como a autoestrada de Baiona-Vigo, o aumento tamén afectará ás autoestradas de titularidade estatal como a AP9 entre Vigo e A Coruña que aumentará o seu prezo nun 2,4%.

Con esta suba xa serían tres, as subas rexistradas nos últimos 3 meses encarecidas tamén pola suba do IVE ao 21% decretado polo goberno central de Mariano Rajoy para todo o conxunto do estado.

Deste xeito cruzar Galicia dende Baiona ate A Coruña pasará a custar 16.7€ por traxecto. Dende Baiona a Santiago o prezo pasará a ser de 11,45€ por traxecto e finalmente dende Baiona a Pontevedra o importe será de 5,25€ por traxecto ainda que neste último caso Fomento negocia abonar o traxecto de volta aos usuarios que conten co dispositivo de Telepeaxe e realicen as viaxes no mesmo día e no período laboral de lunes a venres.

É o que terán que desembolsar os condutores e condutoras que dende o próximo 1 de xaneiro realicen os seus desprazamentos por unha das principais vías de comunicación do país, a Autoestrada do Atlántico, que vén de traducir en cartos un dos múltiples efectos colaterais do último paquete de recortes do Goberno central. En 1999 o Executivo daquela presidido por José María Aznar promulgaba un Real Decreto-lei de "medidas urxentes de liberalización e incremento da competencia" e establecía que a Administración Xeral do Estado "liquidaría ás sociedades concesionarias de autopistas de peaxe", neste caso Audasa, "pola perda de ingresos" que lles supuña a baixada de tarifas do 7% que se viña de aplicar. "Esta compensación, prevista dende hai máis dunha década, atopou a súa xustificación en circunstancias impositivas que hoxe variaron, polo que non se xustifica a súa permanencia", resolve a norma aprobada no mes de xullo de 2012.

Este precepto xenérico traduciuse no mes de xullo nunha orde do Ministerio de Fomento, que o departamento que dirixe Ana Pastor lles trasladou ás empresas que xestionan ás autoestradas e estas, pola súa banda, dispuxéronse a actualizar de inmediato as súas tarifas para que apenas mediase un día entre a fin das axudas e o traslado do custo da medida ás persoas usuarias, neste caso, da AP-9.

 Estas subas nos prezos prodúcense dentro dun contexto claro de descenso no uso das autoestradas debido á crise e ao fracaso dun modelo de transporte baseado no uso dos vehículos privados sen alternativas de calidade que permitan a mobilidade dos usuarios mediante o transporte público. Nos oito primeiros meses do ano, o tráfico caiu un 9,4% nas autoestradas ata situarse nos 17.475 vehículos de media ao día, un nivel que non se rexistraba dende fai 14 anos.

A plataforma contra a suba das peaxes desconfía do desconto anunciado para o treito Vigo-Pontevedra.

Segundo se recolle no diario PRAZA PÚBLICA,  ministra de Fomento, Ana Pastor, tramitará con responsables de AUDASA un convenio para introducir a rebaixa da peaxe entre Pontevedra e Vigo a través dunha bonificación. Descoñécese aínda a contía exacta desta rebaixa, pero a Plataforma contra a suba das peaxes xa se anticipou a advertir que esta rebaixa "o acabaremos aboando o resto dos galegos, ben vía impostos, ben vía subas noutros tramos". Lembra que a gratuidade do Fene-Ferrol levou aparellada a extensión da concesión da AP9 até o ano 2048.

Ademais, esixe que esta rebaixa se estenda a outros treitos e a outros grupos de condutores, pois afirman que esta bonificacións só se aplicará a vehiculos lixeiros e non a transportistas. Reclama en concreto que o desconto se aplique tamén aos milleiros de vehículos que circulan a diario entre Ferrol e A Coruña, "pois, se se trata de favorecer as cidades máis castigadas pola crise, en Ferrol temos quizáis o exemplo máis cru de toda Galicia, un núcleo urbano xa desmantelado e, con esta última crise, a piques de desaparecer do mapa económico da nosa comunidade".

Finalmente, denuncia que a Xunta e o Goberno central financien unha empresa que "está tendo beneficios" cando son moitas as empresas que cada día acumulan perdas, e mesmo quebran, tendo que botar á rúa os seus traballadores, e que non reciben axudas públicas.

Mobilización o 28 de decembro

A Plataforma convoca unha nova xornada de boicot á AP9 o 28 de decembro, na que pide que se utilicen vías alternativas. Ademais, convócase a todos os usuarios e usuarias a levar no seu coche un monigote propio do Día dos Inocentes en protesta pola "inocentada" dos "prezos abusivos". E repiten que continuarán con estas e outras protestas até que os prezos se rebaixen ou que cando menos se apliquen en Galicia os mesmos descontos que as empresas concesionarias das autoestradas ofrecen noutras comunidades autónomas para os usuarios frecuentes.