Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Investigan unha suposta fraude na Internet rural por parte dunha empresa con sede no Val Miñor.

Investigan unha suposta fraude na Internet rural por parte dunha empresa con sede no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
2012 11_23_14178s300x

A Consellería de Medio Rural abriu un expediente contra Mira Novas Tecnoloxías, empresa miñorana colaboradora da Xunta no programa de espallamento da Internet no eido rural. Nomeadamente, Medio Rural investiga presuntas irregularidades nas sinaturas contidas nas solicitudes tramitadas por esta empresa, que afectarían á veracidade das mesmas, segundo informou nesta xornada o diario dixital Galicia Confidencial.

Galicia Confidencial, informaba nesta xornada que "Centos de galegos reciben estes días unha sorprendente carta da AGADER na que se lles pregunta se realmente acaban de darse de alta no programa subvencionado de acceso á Rede." Ao mesmo tempo sinalaba que Medio Rural estuda "solicitudes asinadas por clientes que realmente non pediron a Internet e solicitudes de clientes antigos desta empresa", segundo informaron fontes da Consellaría a Galicia Confidencial.

"Efectuadas comprobacións sobre as solicitudes presentadas polas empresas, detectáronse irregularidades nas solicitudes tramitadas pola empresa Mira Novas Tecnoloxías, S.L, polo que se iniciou un procedemento para retirar a esta empresa a condición de entidade colaboradora de Agader" di a carta remitida ás familias, informa CG.

O xornal agrega que a resolución do expediente está avanzada e segundo a Xunta podería dar lugar tanto a sanción administrativa como á derivación ao Xulgado no caso de confirmáranse sinaturas falsas. Mentres tanto, CG informa que Medio Rural parou inmediatamente a concesión das axudas de Mira en canto detectou os primeiros indicios.

A versión da empresa

Valminor.info falou con Roberto Carlos Valverde Sabín, propietario e administrador de Mira Novas Tecnoloxías, S.L, con sede en Nigrán e veciño de Baiona, quen nun principio manifestou que prefería non facer declaracións co xeito de "non entorpecer as investigacións" do organismo autonómico. Nembargante, matizou que a súa empresa asinou 450 servizos dentro deste programa, indicando que en tódolos casos "están instalados e en funcionamento".

Nese senso agregou que de momento foi a súa empresa a que asumiu os custes de ditas instalacións e que polo establecido no convenio coa Xunta, a súa empresa debería recibir 500 euros por cada contrato asinado, algo que aínda non sucedeu en ningún dos casos.

Destacou que estará á espera das conclusións da investigación para saber se a Xunta decidirá pagar os 225.000 euros que a súa empresa debería recibir produto da subvención que acompaña o proxecto.