Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Medio Ambiente efectuará obras de ampliación hidráulica e intervirá infraestruturas sobre os ríos Sobral e Viladesuso.

Medio Ambiente efectuará obras de ampliación hidráulica e intervirá infraestruturas sobre os ríos Sobral e Viladesuso.

Correo-e Imprimir PDF

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciou este sábado que iniciará a vindeira semana "as obras e traballos necesarios para mellorar o comportamento hidráulico dos ríos Sobral e Viladesuso no Concello de Oia". En ámbolos dous regos realizaranse actuacións co obxectivo de aumentar a capacidade hidráulica e conter posibles avenidas.

 

En concreto, demolerase e retirarase un paso e unha ponte existente, e substituirase por un paso e unha ponte inundable; escavarase o noiro da marxe dereita do río ata conseguir un ancho de 8 metros, protexerase a marxe esquerda do río mediante a construción dun muro de dique en noiro, e seleccionaranse e colocaranse as pedras de maior tamaño na canle no río de forma transversal para a formación de chanzos que disipen a forza da auga en avenida, escavando previamente na canle para que queden soterradas.

Disporanse un total de 7 chanzos na zona do Sobral separados por uns 10 metros aproximadamente. Unha vez rematados estes traballos, que se executarán no ano 2012, previse para o ano 2013 a colocación de vairas barreiras flexibles para a contención de grandes bloques de pedra que poda arrastrar a auga no rego Sobral, e aumentarase da sección hidráulica de dúas pontes no río Viladesuso para evitar que a auga se embalse neles ante unha crecida do río.

Dende Medioambiente, sinalan que cómpre recordar que os incendios acaecidos na bacía do río Viladesusos en Oia en 2006 e que afectaron ao 90% da superficie das súas concas, provocan que cando chove as augas de escorrentía erosionen de xeito pronunciado a zona e se produzan atascos na canle. Se as choivas son moi intensas existe un risco de inundación e avenidas de auga mesturada co material erosionado.

Así pois, a administración hidráulica de Galicia iniciará na próxima semana os traballos necesarios para evitar os danos que fenómenos extremos podan ocasionar as poboacións existentes, e comezará de modo inmediato cos traballos correspondentes ao rego Sobral para solucionar os problemas de inundacións.