Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Agreden ao xornalista de La Voz de Galicia no Val Miñor, mentres fotografaba unhas obras ilegais en Oia

Agreden ao xornalista de La Voz de Galicia no Val Miñor, mentres fotografaba unhas obras ilegais en Oia

Correo-e Imprimir PDF
hotal costa verde

Alejandro Martínez, corresponsal de La Voz de Galicia no Val Miñor, sufriu o pasado domingo unha agresión no municipio de Oia cando fotografaba desde a rúa as obras de derrubo da última planta do hotel Costa Verde. Ademais da violencia física e verbal o xornalista denuncia que sufriu danos na súa cámara fotográfica que lle foi arrebatada da súa man.

Martínez atopábase só, no momento da agresión. De feito, non era a primeira vez que acudía ao lugar. Xa o fixera no mes de outubro cando recibiu a información de que sobre o devandito establecemento existía unha sentenza xudicial firme de derrube por unha ampliación feita sen axustarse á licenza concedida. Daquela, o xornalista falou cos responsables do hotel para coñecer a súa versión dos feitos, mantendo unha conversación que cualificou como "correcta".

Decatado de que xa comezaran os traballos de demolición, Martínez acudiu á parroquia de Viladesuso (Oia) co fin de informar. Apostado na vía pública, e coa tranquilidade de ter cumpridos os pasos profesionais na cobertura da información, dispúxosé a fotografar o feito. A súa sorpresa foi maiúscula cando viu que a mesma persoa coa que xa tiña falado en termos correctos semanas atrás, baixou da obra e comezou a agredilo.

Segundo publicou na edición deste luns o rotativo galego, a Garda Civil identificou posteriormente á recepcionista e ao responsable do establecemento. O xornalista informou que presentou denuncia xudicial na mañá deste luns.