Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Alerta laranxa por choivas a partir das 6 da madrugada para este mércores 26 de outubro

Alerta laranxa por choivas a partir das 6 da madrugada para este mércores 26 de outubro

Correo-e Imprimir PDF
Imaxe METEOSAT do frente de baixas presións que se aproxima a Galicia

-A Xunta alerta dun fenómeno adverso de nivel laranxa por vento e choivas nas provincias da Coruña e Pontevedra

-A alerta laranxa por choivas afectará ao oeste e suroeste da provincia da Coruña e nas Rías Baixas da provincia de Pontevedra a partir das 6 horas de mañá

-Estes fenómenos meteorolóxicos en terra súmanse á alerta laranxa costeira que se iniciará a partir das 10 horas nas provincias de Pontevedra e Coruña

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun episodio de meteoroloxía adversa por choivas de nivel laranxa que se iniciará a partir das 6 horas de mañá nas provincias da Coruña e Pontevedra. A este fenómeno se lle suma outro fenómeno adverso de nivel laranxa por ventos na Coruña.

Segundo indican as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da Delegación Territorial de Galicia, espéranse acumular 80 litros en 12 horas (alerta laranxa) no oeste e suroeste da provincia da Coruña e nas Rías Baixas da provincia de Pontevedra. En momentos puntuais poderanse rexistrar nestas zonas intensas chuvias nas que se poderán acumular ata 20 litros de precipitacións nunha hora.

Pola súa banda, informase de que no interior da Coruña e na provincia de Ourense poderanse acadar os 40 litros en 12 horas e que nas zonas do Miño e interior de Pontevedra, chegar aos 60 litros en 12 horas; o que representa unha alerta amarela.

Alerta laranxa por vento na Coruña

A maiores, tamén hai establecida a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da provincia da Coruña, onde se esperan refachos máximos de 100 quilómetros por hora a partir desta madrugada. No resto da provincia da Coruña, a montaña de Lugo, e as provincias de Pontevedra e Ourense poderán acadarse refachos de 80 quilómetros por hora (nivel amarelo).

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa aos concellos afectados, ás catro deputacións, aos bombeiros e a Protección Civil, entre outros.

Tamén se recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección pertinentes, como poden ser evitar pasar por debaixo de edificios en obra ou en estado ruinoso, retirar obxectos susceptibles de desprenderse das fachadas, eludir, na medida das posibilidades, os desprazamentos e, no caso de facelo, asegurarse do bo estado da vía. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Alerta laranxa costeira en Coruña e Pontevedra

É de salientar que estes fenómenos meteorolóxicos en terra súmanse á alerta laranxa costeira xa anunciada, que afectará ao litoral da provincia de Pontevedra e ao oeste e suroeste da provincia da Coruña a partires das 10 horas de mañá.