Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Os miñoranos na diáspora poderán beneficiarse dun convenio que axiliza os trámites de propiedade.

Os miñoranos na diáspora poderán beneficiarse dun convenio que axiliza os trámites de propiedade.

Correo-e Imprimir PDF
O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, e o decano do Colexio de Rexistradores das Propiedade e Mercantís de España , Alfonso Candau, na sinatura do convenio

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, e o decano do Colexio de Rexistradores das Propiedade e Mercantís de España , Alfonso Candau asinaron un convenio que busca "unha administración máis áxil" que beneficie aos galegos residentes no exterior, á hora de demostrar a súa titularidade sobre bens situados no país . Dende Emigración salientaron que para moitos paisanos na diáspora, a demostración da propiedade dun ben "pode significar un alivio económico moi importante". A medida ten por finalidade facilitar os trámites administrativos a milleiros de emigrados galegos e os seus herdeiros.

Así, e por mor do documento hoxe asinado, o devandito Colexio comprométese a “realizar as pescudas que posibiliten determinar a titularidade de bens inmobles pertencentes a emigrantes galegos”, con especial preferencia cara aqueles que saíron da terra desde 1950 en adiante. Trátase dunha medida demandada en numerosas ocasións pola diáspora,sinalaron, toda vez que tanto os emigrados na segunda metade do século XX coma os seus fillos e herdeiros, atópanse con todo tipo de dificultades para probar a posesión de predios, edificios e demais bens que deixaron na terra natal.

Estas dificultades, inherentes ao proceso de demostración da titularidade, agrávanse pola distancia, a elevada idade de boa parte dos beneficiarios, e a fonda crise que atravesan algúns países de acollida destes emigrantes, nomeadamente as repúblicas americanas de Cuba e Venezuela, sinalaron os asinantes.

Sen custo engadido

O convenio asinado especifica que este esforzo especial por parte dos rexistradores da propiedade e mercantís non suporá ningunha contraprestación económica, e tamén estipula un modelo anexo que se usará para a remisión da solicitude de información por parte dos interesados en facer uso do mesmo.

No texto do documento, igualmente, contémplase a data de vixencia ata a fin de 2012, “se ben prorrogarase de xeito automático e por anos naturais sempre que previamente non sexa denunciado por unha das partes”, segundo reza o propio convenio.

Durante a sinatura, Camba e Candau coincidiron en sinalar a importancia da colaboración entre a Administración e os profesionais encargados de dar fe da titularidade dos bens, por canto para moitos membros da diáspora estas propiedades poden supoñer a diferenza entre unha supervivencia difícil ou unha madurez economicamente tranquila.

Así, Camba afirmou que “é a nosa obriga intentar tódolos camiños para que os nosos paisanos, especialmente os de maior idade e aos que de maneira máis forte esta azoutando a crise, poidan sorteala coas mellores garantías. E moito máis se, como se pretende con este convenio, poden demostrar que posúen bens que deixaron na Galicia territorial”.