Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Arden 35 hectáreas en Mougás e Medio Rural ten sospeitas de que sexan incendios intencionados.

Arden 35 hectáreas en Mougás e Medio Rural ten sospeitas de que sexan incendios intencionados.

Correo-e Imprimir PDF

A Consellería do Medio Rural informa do control dos dous lumes forestais rexistrados no veciño concello de Oia, concretamente na parroquia de Mougás. Estes dous incendios iniciáronse de madrugada, de xeito case simultáneo (ás 00:01 e 00:10 horas, respectivamente), separados por unha distancia inferior a 1 quilómetro (uns 800 metros), en ambos lados dunha ladeira. Pola súa proximidade, o inicio practicamente simultáneo e a hora nocturna do comezo, "todo apunta a que sexan intencionados" sinalou a Consellería mediante un comunicado.

Segundo fontes oficiais o primeiro destes incendios, situado máis ao sur da parroquia de Mougás, comezou ás 00:01 horas de hoxe venres, quedando controlado ás 14:25 horas desta tarde. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 15 hectáreas, das cales 6 son arboradas e 9 de monte raso. Nos labores de extinción traballaron 5 axentes, 7 brigadas, 8 motobombas, 1 pala e 2 helicópteros.

O outro lume, que se rexistra cara ao norte da mesma parroquia, iniciouse ás 00:10 horas desta noite, quedando tamén controlado ás 14:25 horas desta tarde. Tamén segundo unhas primeiras estimacións provisionais, a superficie afectada supera as 20 hectáreas.

Na extinción deste incendio participaron 1 técnico, 4 axentes, 12 brigadas, 2 patrullas de vixilancia, 8 motobombas, 2 helicópteros e 3 avións. Tamén tomaron parte nestes labores efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) con base en Marín, que está despregada en Galicia para colaborar na loita contra o lume.