Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta crea o Consello galego da representatividade das asociacións de autónomos .

A Xunta crea o Consello galego da representatividade das asociacións de autónomos .

Correo-e Imprimir PDF
Reunión do Consello da Xunta esta mañá en San Caetano.

.Trátase do paso previo á constitución do Consello galego do traballo autónomo

.Este órgano ocuparase de determinar a representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos, a través dunha serie de criterios obxectivos fixados no decreto.

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao proxecto de decreto que crea o Consello galego da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos de Galicia. A súa constitución é o paso previo de cara á creación do Consello galego do traballo autónomo, que será o órgano consultivo do Goberno galego en todas as materias que afecten este colectivo.

O proxecto de decreto que se aproba hoxe permitirá poñer en marcha o Consello galego da representatividade, que se constituirá como un órgano colexiado adscrito á Consellería de Traballo e Benestar.

A súa principal función será a de valorar e declarar a representatividade das distintas asociacións profesionais de traballadores autónomos de Galicia, seguindo uns criterios obxectivos que se inclúen no decreto.

Entre estes criterios obxectivos de valoración, cabe destacar o número de traballadores autónomos afiliados; as sedes permanentes das asociacións; o número de asociacións coas que estas entidades asinen convenios; os recursos humanos e materiais; as actividades no últimos tres anos; e os orzamentos dos últimos tres exercicios.

Ademais, a Xunta de Galicia informou que está a traballar actualmente no Plan de Emprego Autónomo e Emprendedor, que" constituirá o primeiro plan dun goberno galego destinado especificamente a este colectivo". Na actualidade, esta iniciativa está a ser analizada para a súa aprobación na Mesa do Autónomo, así como no seo do diálogo social.

O plan definirá medidas para o apoio aos traballadores e traballadoras autónomas en tres fases fundamentais: a toma de decisión emprendedora e a súa materialización efectiva; o apoio ao inicio da actividade e o asesoramento técnico, xerencial e financeiro na consolidación e crecemento empresarial.

Ademais, creouse o Rexistro galego de asociacións profesionais de traballadores autónomos e promovéronse as distintas liñas de axudas a este colectivo, entre as que destacan as subvencións para o establecemento como traballador por conta propia; axudas para formación ou asistencias técnicas; así como subvencións para a primeira contratación indefinida, entre outras.