Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Galicia, País Vasco, Cataluña e Baleares reclaman as súas linguas na base terminolóxica da UE.

Galicia, País Vasco, Cataluña e Baleares reclaman as súas linguas na base terminolóxica da UE.

Correo-e Imprimir PDF

.Galicia, País Vasco, Cataluña e Baleares reúnense para avanzar na cooperación en materia de política lingüística.

.Os catro gobernos autonómicos acordaron hoxe en Santiago de Compostela solicitar a inclusión do galego, do catalán e do eúscaro na base de datos terminolóxica da Unión Europea

.Así o decidiron na reunión da comisión de seguimento do protocolo de colaboración que manteñen en materia de política lingüística

Os máximos responsables da política lingüística de Galicia, País Vasco, Cataluña e Baleares –Anxo Lorenzo, Lourdes Auzmendi, Yvonne Griley e Margalida Tous, respectivamente– participaron hoxe na reunión da comisión de seguimento do protocolo de colaboración que manteñen os catro gobernos en materia de política lingüística e que ten como obxectivo prioritario impulsar a presenza e o recoñecemento das súas linguas no ámbito estatal e europeo.

Segundo anunciaron esta mañá en rolda de prensa, o catro gobernos acordaron na reunión solicitar á Comisión Europea a incorporación das súas linguas propias na base de datos terminolóxica da Unión Europea (UE), coñecida polas siglas inglesas IATE (InterActive Terminology for Europe).

O IATE, de acceso para toda a cidadanía, combina as bases de terminoloxía de cada un dos organismos e das institucións da UE nunha base única con máis de oito millóns de termos validados. Desta maneira, a importancia da inclusión do galego, do eúscaro e do catalán radicaría, por unha banda, no seu valor práctico, xa que este soporte terminolóxico permite buscar nunha lingua de partida termos aceptados na UE e atopar as súas equivalencias en calquera dos 23 idiomas oficiais que forman parte desta base. Doutra banda, a incorporación ao IATE supón un paso adiante na presenza e no recoñecemento internacional das linguas galega, eúscaro e catalá.