Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta celebra o Día Mundial dos Océanos con múltiples actividades por todo o litoral galego.

A Xunta celebra o Día Mundial dos Océanos con múltiples actividades por todo o litoral galego.

Correo-e Imprimir PDF
Acto levado a cabo en Vigo a bordo do buque Valentín Paz Andrade

A Consellería do Mar está a desenvolver diferentes actividades en todo o litoral galego con motivo do Día Mundial dos Océanos, que se celebra este mércores 8 de xuño. O departamento que dirixe Rosa Quintana pretende con estas iniciativas xerar interese polo coñecemento dos mares e océanos e unha maior conciencia para traballar na súa protección e afirmar a nosa relación co medio mariño e defendendo e postulando a sostibilidade deste vínculo.

A máis próxima ao Val Miñor desenvolveuse en Vigo onde se puido visitar o buque de Gardacostas Valentín Paz Andrade. Un total de 150 escolares do CEIP García Barbón achegáronse ata o peirao de Trasatlánticos para coñecer o interior do buque e o traballo diario que fan os gardacostas. Asistiron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e a xefa territorial da Consellería, Sonia Lorenzo.

O mar, un medio de futuro

Os representantes da Xunta leron, en cada un destes actos, unha declaración institucional onde manifestaron a " clara a vontade do goberno galego de continuar, acrecentar e afirmar a nosa relación co medio mariño, defendendo e postulando a sostibilidade deste vínculo, para que sexa un medio de futuro para os galegos de mañá”.

O comunicado da Xunta recolle tamén o vínculo social que existe en Galicia co océano, a súa influencia sobre a cultura, o patrimonio e a propia idiosincrasia galega e o traballo que está a facer o goberno galego para a conservación da contorna costeira e mariña de acordo con parámetros sostibles e para garantir a mantenza da biodiversidade e dos ecosistemas en bo estado.