Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Monte Aloia queda fóra das actividades da Xunta na celebración do Día Europeo dos Parques Naturais.

O Monte Aloia queda fóra das actividades da Xunta na celebración do Día Europeo dos Parques Naturais.

Correo-e Imprimir PDF
monte_aloia

O Monte Aloia será o único espazo natural da Rede de Parques de Galicia que non estará contemplado nas actividades programadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural con motivo da celebración o vindeiro martes 24 de maio, do Día Europeo dos Parques Naturais. A meirande parte das actividades que se organizan este ano no resto dos parques, están orientadas cara ao público infantil, “coa fin de darlles a coñecer a riqueza natural da nosa Comunidade Autónoma e conciencialos sobre a importancia da súa protección e conservación, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social”, segundo informa a Consellería.

Co lema deste ano, “Natureza sen fronteiras”, os responsables desta consellaría entenden que quérese transmitir que o concepto de espazo protexido como lugar illado das “agresións” externas “quedou obsoleto”. Explican que a xestión destas zonas “require coordinación e colaboración nos ámbitos local, rexional, nacional e internacional, e é preciso o desenvolvemento de redes de conservación e de corredores biolóxicos.”

A Rede de Parques de Galicia está composta por seis parques naturais: A Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, O Invernadeiro, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; e un parque nacional, o Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

O Monte Aloia forma parte da Serra do Galiñeiro e estableceuse como Sitio Natural de Interese Nacional pola Orde Ministerial do 5 de xuño de 1935. Catro décadas despois o Real Decreto 3160 do 4 de decembro de 1978 declarouno como Parque Natural.

Desde 1999 celébrase o Día Europeo dos Parques, no que se conmemora a “Declaración de Suecia”, o 24 de maio de 1909, dos primeiros parques nacionais no continente. Esta celebración está promovida pola Federación Europarc, organización creada en 1973 e que reúne ás institucións dedicadas á conservación da natureza e os espazos protexidos en 38 países europeos.