Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A consellaría do Mar anuncia a veda do polbo dende o vindeiro venres 27 ata o 4 de xullo.

A consellaría do Mar anuncia a veda do polbo dende o vindeiro venres 27 ata o 4 de xullo.

Correo-e Imprimir PDF
polbo

A veda do polbo comezará o vindeiro venres 27 de maio e estenderase ata o 4 de xullo. Así o recolle a resolución do 6 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, da Consellería do Mar, pola que se establece o período de veda para o polbo para o ano 2011. O texto plasma que as nasas de polbo deberán ser levantadas e levadas a porto o venres 27 de maio ás 16:00 horas da tarde e non poderán volver a calarse ata as 6:00 horas da mañá do luns 4 de xullo.

Esta resolución está enmarcada na Orde do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira, que desenvolve o plan para a xestión pesqueira do polbo e establece as condicións para o seu desenvolvemento. Esta orde dispón que “se poderá establecer un período de veda de dous meses no período comprendido entre abril e setembro. Para a súa determinación terase en conta o estado do recurso e a opinión do sector afectado”.

A Consellería do Mar acordou establecer a veda tras unha xuntanza do director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, co presidente da Federación Galega de Confrarías, Benito González, cos presidentes das tres federacións provinciais e con representantes do sector. Mar entende o establecemento dunha veda para o polbo como unha medida que permita obter resultados positivos sobre o estado do recurso, para garantir a protección e rexeneración desta especie. Para iso, a Administración, baseándose en estudos técnicos, considera que a veda debe reforzarse con outras medidas técnicas como a talla mínima, os topes de capturas, o número de nasas e a redución do esforzo a través dun horario de traballo limitado, tal e como se fixo no 2010.

Cabe lembrar que o polbo foi sometido a un plan de recuperación en anos anteriores e na actualidade se organiza a pesquería mediante plans de xestión anuais, polo que a Consellería do Mar considera que neste momento a veda desta especie, de aplicación tanto a pesca profesional como a de recreo, é unha decisión axeitada a nivel social, económico e medioambiental.