Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Medio Rural presenta o Plan Director da Rede Natura 2000 no Parlamento Galego.

Medio Rural presenta o Plan Director da Rede Natura 2000 no Parlamento Galego.

Correo-e Imprimir PDF
monte_aloia

Medio Rural, a través do seu responsable Samuel Juárez presentou ante o parlamento galego o Plan Director da Rede Natura 2000, a través do cal a Xunta intenta adecuar a normativa europea a xestión desta rede. Segundo o manifestado o pasado martes, con este plan se intenta “dotar ao conxunto de espazos dun instrumento de planificación, ordenación e xestión que asegure a conservación dos valores naturais e que ao mesmo tempo compatibilice esa conservación co desenvolvemento social e económico das bisbarras nos que se asentan estes espazos e dos seus habitantes.”

O titular de Medio Rural explicou que este plan “supón a continuidade, para os espazos que están na rede natura, dos outros instrumentos de planificación, de diferente ámbito, xa aprobados por este Goberno: as Directrices de Ordenación do Territorio, e o Plan de Ordenación do Litoral”.

Juárez iniciou a súa intervención cun breve repaso á normativa comunitaria que regula a protección dos espazos naturais e a rede natura. Neste sentido, advertiu que o plan director da Xunta respecta os principios de cautela e acción preventiva que inspiran a lexislación europea, tendo en conta que o mantemento da biodiversidade “poderá, en determinados casos, requirir o mantemento e mesmo o estímulo de determinadas actividades humanas”.

O conselleiro dixo que se trata dun plan “elaborado desde e para o territorio, que ten en conta as súas necesidades e as compatibiliza coas necesidades propias da conservación dos valores naturais que motivaron a súa protección, e coherente coa vocación de espazos en rede”. Engadiu que está elaborado “a partir dun profundo coñecemento do territorio e dos seus valores naturais, seguindo un método científico do sistema de unidades ambientais adaptado á realidade galega; contén un inventario de especies e de hábitats, unha valoración dos mesmos, unha zonificación e unhas medidas de xestión, con usos permitidos, autorizables e prohibidos e resulta homologable internacionalmente”.

Obxectivos

Entre os obxectivos deste plan, Juárez enumerou os de identificar e xeorreferenciar os espazos do patrimonio natural; definir o estado de conservación; identificar a capacidade e intensidade de uso deste patrimonio; formular os criterios orientadores das políticas sectoriais e sinalar os reximenes de protección. O conselleiro deu conta de que o ámbito territorial deste plan corresponde aos 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e ás 16 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), espazos que posúen simultaneamente a condición de Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais.

O conxunto de espazos da Rede Natura 2000 abrangue unha superficie total de 389.565,9 hectáreas, das que 34.990,3 corresponden a medios mariños e 354.575,6 a medios terrestres.

Especies

Neste territorio –salientou Juárez– existe un notable conxunto de especies catalogadas legalmente como protexidas ou ameazadas polas normativas comunitarias. En total, contabilízanse un número superior ás 500 especies de interese para a conservación, das que máis da metade pertencen ao grupo das aves. A continuación viría o grupo da flora, con 126 especies. Do resto de grupos salienta o dos mamíferos, con 31 especies continentais (“terrestres”) e 26 de hábitos mariños.

A Directiva Comunitaria 92/94/CEE (comunmente chamada Directiva Hábitat) engloba 231 tipos de hábitats [un hábitat pode definirse como “un ambiente que ocupa unha determinada poboación biolóxica”] catalogados como de “interese comunitario”.

Corresponden a sistemas ameazados de desaparición que presentan unha área de distribución reducida ou constitúen exemplos representativos de características típicas dunha determinada rexión bioxeográfica. Dentro deles, os hábitats “prioritarios” serían aqueles ameazados de desaparición e cuxa conservación supón unha especial responsabilidade. En Galicia están presentes 72 tipos de hábitats de interese comunitario (o 33% do total europeo), dos cales 18 son prioritarios (25% do total da UE).

O conselleiro do Medio Rural dixo tamén que neste plan se define unha zonificación do territorio partindo da necesidade de compatibilizar as necesidades de conservación cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que o habitan. En particular, establécense 3 unidades de zonificación: Zona 1, denominada “Área de protección”, cun valor de conservación moi alto: Zona 2, chamada “Área de conservación”, cun valor de conservación alto e medio, por último, Zona 3 ou “Área de uso xeral”, cun valor de conservación medio e baixo, correspondendo sobre todo a áreas cun importante nivel de urbanización.

Xestión

Canto ás medidas de xestión, o titular de Medio Rural explicou que este plan director prevalecerá sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física. O documento establece que o territorio delimitado polo espazo protexido da Rede Natura considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas actividades e aproveitamentos mineiros, así como de novos aproveitamentos industriais de enerxía eólica (agás os de repotenciación de parques existentes), hidroeléctrica (con excepción da modernización dos existentes) ou fotovoltaica (agás a modificación dos existentes).

Actividades autorizables serían as directamente relacionadas coa saúde humana e as de carácter tradicional, tales como agricultura, gandería, silvicultura, turismo ou uso público.