Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Sinatura de convenios entre a Universidade de Vigo e o Instituto de Estudos Miñoranos

Sinatura de convenios entre a Universidade de Vigo e o Instituto de Estudos Miñoranos

Correo-e Imprimir PDF
 Sr. Reitor Salustiano Mato de la Iglesia e do director do Instituto de Estudos Miñoranos Carlos Méixome Quinteiro

Un convenio marco de colaboración e dous específicos relativos ás areas de Arqueoloxía - Historia Antiga e mais Microtoponimia - Talsonimia foron asinados hoxe entre a Universidade de Vigo e o Instituto de Estudos Miñoranos.

Hoxe ás 12 da mañá, na Aula de Cultura de Pontes de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, procedeuse a sinatura de tres convenios de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Instituto de Estudos Miñoranos. Coa presenza do Sr. Reitor Salustiano Mato de la Iglesia e do director do Instituto de Estudos Miñoranos Carlos Méixome Quinteiro asináronse os tres convenios.

O convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Instituto de Estudos Miñoranos determina as relacións entre ambas entidades e ten o propósito de desenvolver proxectos de investigación conxuntos, organizar actividades académicas (cursos, conferencias, simposios, seminarios...), apoiar investigadores e estudantes; intercambiar publicación e traballos de investigacións e colaborar en actividades culturais.

O primeiro dos convenios específicos fai referencia á colaboración en temas de Arqueoloxía e Historia Antiga segundo o cal a Universidade de Vigo prestará a colaboración técnica necesaria para a realización de prospeccións arqueolóxicas na bacía media da conca do Miño. Pola súa banda, o IEM colaborará no asesoramento externo nos traballos de prospección arqueolóxica no xacemento neolítico do Monte das Pedreiras e no asentamento calcolítico do Monte das Cabanas, ámbolos dous no campus de Vigo.

O segundo dos convenios específicos fai referencia á colaboración en temas de Microtoponimia e Talasonimia no que se acorda fusionar materiais e coñecementos entre o IEM e a Universidade de Vigo así como unha recollida exhaustiva de materiais para enriquecer e completar a web Toponimia e Topopedia aloxadas na web da Universidade de Vigo. Neste sentido o reitor Salustiano Mato sinalou que o Campus do Mar deberá acoller tódolos aspectos da investigación científica entre eles a Talasonimia.

Pola súa banda o director do IEM sinalou que a sinatura destes convenios tiña unha especial relevancia para o centro de estudos que dirixe xa que supón un recoñecemento por parte da primeira institución científica e académica do sur de Galicia.