Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor En aplicación da Lei da Memoria Histórica a democracia honra a Xosé M. García Crego.

En aplicación da Lei da Memoria Histórica a democracia honra a Xosé M. García Crego.

Correo-e Imprimir PDF
Resolución do Ministerio de Justicia de Reparación e Recoñecemento Persoal a Xosé Manuel García Crego.

O noso compañeiro columnista Xosé Manuel García Crego, natural de Vigo e veciño da parroquia de Priegue, en Nigrán, ven de recibir do Ministerio de Justicia , a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal, expedida ao seu favor "en virtude do disposto no parágrafo 1 do artigo 4 da Ley 52/2007, de 26 de decembro (coñecida como Lei da Memoria Histórica), pola cal a democracia española honra a quen inxustamente padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura."

Nesta declaración afírmase quedar acreditado que Xosé Manuel García Crego, membro (naquela altura) da Unión do Pobo Galego, padeceu persecución e prisión por razóns políticas e ideolóxicas, sendo inxustamente detido e procesado, sen as debidas garantías, polo ilexítimo Juzgado de Orden Público nº 1 de Madrid na data do 17 de xuño de 1976.

Crego, declarou a Valminor.info a súa satisfacción por este recoñecemento recollido en documento asinado por un ministro, Francisco Caamaño, natural de Galicia, pero tamén opinou que "como parece que nada pode ser perfecto, lamenta que no documento se exprese en español o nome do partido político citado; producíndose deste xeito algo tan esperpéntico como que fose perseguido pola súa pertenza a unha organización inexistente."

García Crego foi procesado no Sumario 1606/76 do Juzgado de Orden Público nº 1 de Madrid, asinando o auto de procesamento o coñecido maxistrado Gómez-Chaparro, quen decretou prisión provisional. Ingresa na prisión provincial da Coruña, saíndo en liberdade baixo fianza semanas despois.

Pasado un tempo, o seu nome aparecería nas listas que circularon en Galicia de persoas de esquerda, ameazados polos seguidores da asonada do 23F de 1981.