Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Por mor da alerta laranxa que entra esta medianoite, suspéndense as actividades extraescolares.

Por mor da alerta laranxa que entra esta medianoite, suspéndense as actividades extraescolares.

Correo-e Imprimir PDF
nenos_ceip_juanes

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de comunicar aos centros educativos a decisión de suspender no día de mañá, 16 de febreiro, as actividades extraescolares e ao aire libre nos centros educativos das provincias da Coruña e Pontevedra, e na Mariña lucense, por mor da alerta laranxa que entra esta medianoite. Deste xeito a Consellería transmite aos centros a recomendación da Comisión de Alertas Meteorolóxicas, que celebrou hoxe a súa primeira reunión.

Ao abeiro da aprobación do protocolo sobre adversos meteorolóxicos o pasado xoves no Consello da Xunta, hoxe quedou constituída a Comisión de Alertas Meteorolóxicas, encargada de realizar propostas decisións relativas á suspensión de actividade docente nos centros ou, de se lo caso, do transporte escolar.

A Comisión está formada polo director xeral de Emerxencias e Interior, polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, e o director xeral de Centros.

A Comisión de Alertas constitúese como órgano de apoio e asesoramento á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a adopción, por parte desta, das medidas que procedan ante situacións de risco por fenómenos meteorolóxicos adversos.