Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta convoca aos estudantes de 4º de ESO e Bacharelato para o Parlamento Xove edición 2011.

A Xunta convoca aos estudantes de 4º de ESO e Bacharelato para o Parlamento Xove edición 2011.

Correo-e Imprimir PDF
parlamento_xove

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado vén de ampliar a duración do ‘Parlamento Xove’ na súa edición de 2011 mediante a incorporación dunha fase clasificatoria de debates provinciais na que os dous equipos con mellores puntuacións pasarán á final.

A iniciativa consiste nunha competición de debates cos que se pretende fomentar o diálogo entre a mocidade como ferramenta para argumentar de xeito razoado ideas propias. Os equipos deberán investigar, escribir e debater a favor ou en contra dos temas seleccionados. As redes sociais como elemento de unión ou desunión centraron a pasada edición.

Este ano o evento prolongarase dunha única xornada a sete, co obxectivo de incrementar o número de encontros e experiencias do grupo de mozas e mozos das catro provincias galegas. O evento iniciarase a finais de xaneiro e concluirá un mes despois por ser o período coa menor carga académica para os estudantes de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato.

A fase clasificatoria, centrada no ámbito de cada provincia, desenvolverase durante tres días: o 21, 22 e 23 de xaneiro na Coruña e Lugo; e 28, 29 e 30 do mesmo mes en Ourense e Pontevedra. A final, na que se enfrontarán dous equipos de cada unha das provincias, celebrarase o 26 de febreiro.

Dous temas de debate

Outra das novidades incorporadas polo departamento que dirixe Ovidio Rodeiro é a selección de dous temas de debate, un para a fase clasificatoria e outro para a final. Ademais, o xurado realizará un balance dos debates ao seu termo para dar a coñecer os puntos fortes e febles de cada equipo durante o encontro.

Así mesmo, os equipos optarán a premios especiais cos seus artigos de opinión e dossieres de investigación, que nesta edición deixarán de contar cun carácter eliminatorio.

No ‘Parlamento Xove’ poderán inscribirse ata 32 equipos que investigarán, escribirán e debaterán acerca de un tema. Os interesados en participar deberán comunicar a súa intención de inscribirse a través dos teléfonos 981 545 822 e 981 541 689.

Unha vez adxudicado ao centro unha ou dúas das prazas terá que enviar por correo certificado o formulario de inscrición, no que se inclúe a composición do equipo, antes do día 12 de xaneiro.