Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Galicia a 3000 euros da súa prehistoria.

Galicia a 3000 euros da súa prehistoria.

Correo-e Imprimir PDF
O-Cabron

Colocar un mando a distancia para a ventá do despacho do presidente da Xunta custou 170 mil euros en 2008. Cada minuto da visita de Bieito XVI levou 6.450 euros das arcas autonómicas, uns 3 millóns en total. Descorrer o veo de 250.000 anos de historia galega custa 3000 euros.

Eduardo Méndez Quintas, director da Sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) reuniuse días atrás co Xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta para solicitar esa cantidade. O obxectivo de Eduardo Méndez era conseguir da administración autonómica os cartos necesarios para que se poida practicar a datación da sedimentación do chan escavado na finca "O Cabrón" onde se encontra un dos depósitos do Paleolítico Inferior máis antigos do Noroeste peninsular. O investigador conseguiu o compromiso de Eugenio Rodríguez Puentes, xefe do devandito servizo, pero a contemplarse no próximo presuposto autonómico.

Uns 3000 euros custa aplicar o método de Resonancia de Espin Electromagnética (ESR), que só practica o laboratorio do Centro Nacional de Investigación en Evolución Humana de Burgos (CENIEH), situado en Atapuerca. Esta metodoloxía é a máis aceptada para depósitos da antigüidade que os expertos do IEM e do propio centro de Burgos estiman en polo menos un cuarto de millón de anos. Estimación que de comprobarse afirman, cambiará os manuais de prehistoria de Galicia e España.

As pezas arqueolóxicas atopadas ata o momento coinciden coas industrias culturais dos primeiros homínidos que ocuparon o continente europeo, segundo os primeiros estudos realizados no depósito. A importancia do achado motivou que científicos que traballan en Atapuerca, un dos principais centros arqueolóxicos do continente se desprazasen a Galicia para tomar coñecemento directo dos traballos.

A finca "O Cabrón" atópase no concello pontevedrés de Arbo, á beira do Río Miño. Ata alí desprazáronse os arqueólogos e voluntarios con gastos custeados polo IEM. O proxecto está dirixido polo arqueólogo Xosé Lois Vilar e contou dende un inicio co apoio da Vicerreitoría da Universidade de Vigo que achegou instrumental técnico e tamén co asesoramento científico desinteresado do Dr. Manuel Santonja (CENIEH).

Manuel Ledo, experto en materiais arqueolóxicos e colaborador habitual do IEM foi o primeiro en tomar contacto co achado. Inmediatamente comunicouno á institución miñorana e co permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, comezáronse os traballos a mediados deste ano.

O proxecto arqueolóxico non remata con esta intervención. Eduardo Méndez que dirixe persoalmente as tarefas de campo no xacemento, espera contar cos apoios suficientes para que no verán de 2011 se poida iniciar unha segunda etapa nos traballos. Pero para iso deberá conseguir os fondos que permitan polo menos alimentar e no seu caso dar aloxamento aos voluntarios.