Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Sanidade convoca ao II Concurso de Curtometraxes sobrea doazón e os transplantes.

Sanidade convoca ao II Concurso de Curtometraxes sobrea doazón e os transplantes.

Correo-e Imprimir PDF
donacion

Poderán participar no mesmo os alumnos e alumnas de bacharelato e ciclos formativos de grao medio de todos os centros educativos.

Esta iniciativa, que a organiza a Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde en colaboración coa Consellería de Educación, ten como obxectivo achegar á poboación escolar da nosa Comunidade Autónoma a concienciación da doazón.

A formación dirixida a escolares permite dotar do coñecemento preciso na materia a cidadáns que se atopan nunha idade, dende o punto de vista intelectual e social, moi receptiva, que lles permitirá tomar unha decisión propia ao respecto.

Concienciación da doazón de órganos.

A Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, vén de convocar o II Concurso de Curtametraxes relacionado coa doazón e os transplantes, para o curso 2010-2011. Poderán participar no mesmo os alumnos e alumnas de bacharelato e ciclos formativos de grao medio de todos os centros educativos, tanto públicos como privados.

Esta iniciativa, que a organiza a Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde, ten como obxectivo achegar á poboación escolar da nosa Comunidade Autónoma a concienciación da doazón, de modo que os mozos e mozas sexan capaces de valorar os beneficios para a cidadanía do fomento da mesma.

Un dos obxectivos primordiais na concienciación da doazón é o deseño de intervencións educativas dirixidas a mellorar a opinión da doazón e os transplantes entre os adolescentes e a mocidade. A formación dirixida a escolares permite dotar do coñecemento preciso na materia a cidadáns que se atopan nunha idade, dende o punto de vista intelectual e social, moi receptiva, que lles permitirá tomar unha decisión propia ao respecto, e que serán transmisores informados dos coñecementos adquiridos sobre doazón e transplante no seu ámbito de influencia social, académico e laboral.

Desenvolvemento e actividade formativa

O contido das curtametraxes tratará sobre a doazón e os transplantes e sobre todos os aspectos relacionados con estes, e terán unha duración máxima de 5 minutos. Poderán participar no concurso mozas e mozos, en forma individual ou en grupo, cun máximo de cinco persoas por cada un dos traballos presentados.

Aceptaranse obras mudas ou sonoras, sempre e cando os textos e diálogos estean en galego normativo e todas as secuencias e imaxes sexan creadas para a obra. En calquera caso, non se aceptarán obras que inclúan imaxes protexidas por dereitos de autor alleos a quen presenta a obra.

Poderán participar todas as obras audiovisuais realizadas con cámaras, videocámaras ou móbil, debendo incluír obrigatoriamente un título relacionado co fomento da doazón. O prazo de presentación de curtametraxes rematará o 15 de abril de 2011. os participantes deberán presentar dúas copias do vídeo, unha en baixa calidade en formato FLV de 400 Kbps como máximo e outra coa mellor calidade posible, nos formatos DVD-Vídeo, MPG, MP4 ou WMV’’. Neste sentido, a organización do concurso facilitará o titorial do formato esixido

En cada clase o profesor realizará unha actividade formativa respecto á doazón e transplante que facilite a creación de ideas e que propicie o desenvolvemento da imaxinación do alumnado á hora de elaborar a curtametraxe. A Oficina de Coordinación de Transplantes do Sergas facilitaralles aos centros interesados material de apoio acerca da doazón e o transplante para realizar a actividade formativa.

As curtametraxes que non cumpran os criterios determinados nas bases serán eliminadas, así como aqueles cuxo tema non sexa o sinalado. Ademais, é obrigatorio que as obras participantes sexan realizadas baixo a tutela dun profesor do centro docente. A Oficina de Coordinación de Transplantes poderá empregar as obras seleccionadas polo xurado para a elaboración de traballos ou presentacións públicas ou como lema dalgunha campaña relacionada coas súas funcións.

Premios

O primeiro premio do concurso consistirá nun vale por valor de 1.000 euros para o centro docente, coa fin de adquirir material escolar. Para o alumno ou alumnos, o premio consistirá noutro vale, por valor de 1.000 euros, a dividir entre o número de participantes, para a adquisición de material informático, audiovisual, deportivo ou de lectura. O profesor ou profesora que tutela o traballo recibirá un ordenador portátil. O segundo premio será igual, pero os vales serán por un importe de 750 euros.

As bases do II Concurso de Curtametraxes relacionado coa Doazón e os Transplantes establecen que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do xurado será dun mes contado a partir do día seguinte á finalización do prazo de presentación das curtametraxes.

O xurado encargado de analizar e resolver os premios estará integrado por unha presidenta, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, ou outra persoa na que delegue, así como uns vogais. Estes serán un técnico do Centro Multimedia de Galicia, tres persoas asesoras técnicas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dúas persoas do Servizo Galego de Saúde designadas pola titular da Consellería de Sanidade, e unha persoa da Oficina de Coordinación de Transplantes, que ademais exercerá como secretario ou secretaria.

Logo de avaliar as curtametraxes, o xurado emitirá unha proposta na que concretará as obras gañadoras. O resultado notificaráselles aos premiados, así como a hora e o lugar da entrega de premios, que se fará en acto público

Para a concesión dos premios, o xurado atenderá especialmente á promoción e ao fomento da doazón e/ou dos transplantes que se faga nas curtametraxes, así como á calidade, cantidade e utilidade da información que ofrezan. Por proposta motivada do xurado, os premios poderían quedar desertos.