Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Homenaxe a María Mariño Carou

Homenaxe a María Mariño Carou

Correo-e Imprimir PDF
Este ano a Real Academia Galega, no Día das Letras Galegas, homenaxea a unha muller que apenas tivo relación co mundo literario.

María Mariño Carou, muller autodidacta, creativa, loitadora e rompedora de moldes abriuse paso nunha sociedade remisa a recoñecer o labor poético e literario da muller polo feito de ser muller. A creación literaria era máis ben labor de homes que xa tiñan de antemán o recoñecemento da sociedade.
Nace en Noia (A Coruña) no ano 1907. 

As penurias económicas polas que atravesa a súa familia fan que tivera que traballar desde moi xoven, véndose obrigada a abandonar a escola a temperá idade. Máis tarde trasládase a Escarabote (Boiro), brindándoselle a oportunidade de ter acceso á biblioteca do Pazo de Goián. Alí ten ocasión de dedicarse apaixonadamente á lectura novelística e poética chegando a adquirir unha considerable cultura literaria.

Aquí en Boiro casa co mestre Roberto Posse Caballido e trasládase ó País Vasco, onde lle morre o seu único fillo ó mes e medio de nacer. Este triste acontecemento familiar lévaa a unha depresión nerviosa que sofre ó largo da súa vida marcada pola traxedia e polo dolor. Regresan a Galicia e instálanse no Courel. Neste lugar pasará María Mariño a meirande parte da súa vida con algunha que outra viaxe a Noia, Monforte e A Coruña, onde pasa tempadas de vacacións.

María Mariño era unha persoa estraña e solitaria; concentrada e ensimesmada; tímida e cohibida polo que viviu bastante a marxe das relacións públicas. Moi tardiamente comeza a escribir, primeiro en castelán e logo en galego. Del dise que foi unha das máis relevantes figuras da poesía galega da posguerra. Caracterízase pola destrución sintáctica da linguaxe co fin de acadar a máxima forza expresiva para comunicarnos as súas vivencias máis íntimas. Poetisa intimista radical; os seus versos están cheos dunha grandiosa beleza interior.

Uxío Novoneyra promove a publicación do seu primeiro libro Palabra no Tempo que se edita no ano 1963 na colección "Tesos Cumes" da editorial Celta. Ramón Otero Pedrayo prologa este libro e di dela que é a "revelación dunha intimidade impresionante do ego da escritora cas cousas, de un desvelamento e senso tráxico do ser do tempo na serra".

A obra escrita de María Mariño non obedece ás normas da literatura de época. A súa poética é tensa, intimista e rupturista; revela a interioridade da soidade marcada polo illamento dos pobos da serra; a súa personalidade literaria rompe os moldes clásicos da época.  
O Concello de Noia publica en 1990 o volume Verba que comeza cuxa edición prepararonUxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos. Nela recóllese unha ampla mostra dos poemas escritos por María Mariño no último ano da súa vida.


No ano 1994 Edicións Xerais publica a Obra Completa.
Morre, en Parada do Courel, no 1967, de leucemia despois dunha vida marcada pola traxedia e pola dor.

Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.


Obra de María Mariño  
Palabra no Tempo Editorial Celta, (1963)
Verba que comeza, Concello de Noia (1990)
Obra Completa Edicions Xerais (1994)
Más allá del tiempo, Alvarellos editora (2007)

Antonio Díaz Lombardero