Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Educación

Educación

Correo-e Imprimir PDF
Actualmente a educación ocupa un lugar pouco importante entre as preocupacións dos cidadáns.  Isto pon de manifesto a pouca estima en que se tén  este fenómeno.

Un dos problemas  da educación actual parte do concepto erróneo que a sociedade ten da palabra educación. Pensamos que educar ben é consentir todo o que o neno/a quere sen poñerlle límites. E non é así.

Todas as condutas  e comportamentos están impregnados de educación, pero non sempre son correctos, e isto tamén se transmite ós nosos fillos. Educar é unha tarefa continua dentro e fóra do colexio; pais e escola deben marchar paralelos e camiñar na mesma dirección; educar é unha tarefa que esixe dedicación do educador, pero tamén é a mellor inversión. Un economista, un negociante inverten en propiedades, en bolsa, etc., pero os pais teñen a obriga de inverter na educación dos seus fillos; inverter tempo, inverter esforzos, inverter dedicación, ..

Edúcase logrando que o educando sexa el mesmo dentro dos límites dun comportamento aceptable. A educación esíxenos estar continuamente buscando novas estratexias para acadar o fin que pretendemos como educadores.

Educar consiste en reforzar as respostas positivas eloxiando o que está ben e dando palabras de ánimo, pero con firmeza e control do propio educador.

Conseguir un cambio de actitude no neno require de moita paciencia, pois modificar os hábitos mal adquiridos é moi complicado e conleva moito tempo.

A educación é un sistema que forma parte dunha rede de colaboracións onde todas as instancias sociais deben ser conscientes de que están educando e deben implicarse positivamente.

A liña pedagóxica da educación esixe determinadas condicións:

a)      Educación personalizada, mediante a cal o alumno sabe que el é importante; é dicir, unha persoa cuias ideas,colaboración, inquietudes, búsqueda, alegría, ... son importantes e teñen un posto na marcha diaria da súa vida.


b)      Clima de familia na casa e no colexio onde os alumnos desenvolven a súa afectividade de modo positivo; pois saben que son aceptados e queridos  por si mesmos.


c)      Ambiente de esixencia onde se lles anime e se lles esixa  para que desenvolvan o mellor que teñen e se lles potencie o compromiso de cumprir coas súas abrigas e tarefas como estudiantes, como fillos e como cidadáns. Ademais está claro que os nosos fillos necesitan un soporte intelectual e científico no mundo de hoxe, de aí o control responsable do propio alumno, dos seus profesores e dos propios pais de cara ós “deberes” escolares.


d)      O acto de educar require que o educador teña uns valores de referencia, unha caixa interna de mínimos. O pai que mostra desacordo co profesor do seu fillo porque queda castigado estudiando os deberes, quizá lle falta un valor de referencia que diga: «a veces, a sanción é necesaria para aprender responsabilidades».


e)      O alumno tén que escoitar, tén que obedecer: «se o  teu mestre/mestra impón  unha tarefa, hai que cumprila, hai que facela e isto non se acadará sen a colaboración dos pais. Colaborar no proceso educativo por parte dos pais  coa escola é positivo, é necesario, é inescusable”.


f)        Por último, está claro que a convivencia escolar e familiar ocupa un lugar predominante para lograr un espírito aberto, dialogante e  flexible que valore a aquela persoa coa que se relacione para  madurar aspectos tan importante como a afectividade e os valores humanos. Nós, como adultos, debemos mostrarnos abertos, dialogantes e flexibles para os nenos os vexan, xa que os nenos aprenden tamén o que ven.


Entre as tarefas do educador está o logro de sorprender ó educando con estratexias distintas ante as condutas negativas deste. Diante do educando que está acostumado a que lle  respostemos sempre da mesma maneira, é mester cambiar o tipo de resposta. Sucede con frecuencia que, por exemplo, reaccionamos chillando ou ben doutra determinada maneira estereotipada (fixa) ante comportamentos adversos do educando e este xustifica a súa maneira de comportarse porque o ten como un xogo. Nós, como educadores, non debemos entrar nese xogo.


A base de todo sistema educativo é  preparar ós xoves para a vida, para que aprendan a afrontar os problemas e a tomar decisións responsables; en definitiva, facelos persoas. Convenzámonos; sen unha perfecta conxunción entre familia e escola isto non é posible.


Un neno/a necesita a moitos adultos para chegar a ser persoa; necesita unha familia, nun primeiro lugar e necesita unha escola en segundo lugar, porque é nestes dous ámbitos onde adquire as bases da súa personalidade; pero tamén unha comunidade que lle poña límites sen escusas. Non podemos continuar permitindo que os nenos de hoxe se fagan xóvenes sen  aprender a respectar ós adultos e, evidentemente, ós mestres.


A Familia e a Escola deben camiñar xuntas para que os nosos nenos e nenas sexan Persoas, persoas responsables, solidarias e comprometidas no futuro.



Antonio Díaz Lombardero, mestre