Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor presentación en Vigo da revista Ardentía dedicada ás Mulleres do Mar

presentación en Vigo da revista Ardentía dedicada ás Mulleres do Mar

Correo-e Imprimir PDF
A Secretaria Xeral para a Igualdade, Carme Adán, no acto de presentación en Vigo da revista Ardentía dedicada ás Mulleres do Mar . O Museo do Mar de Galicia acolle este xoves as 20:00 horas o acto de presentación do número catro da revista Ardentía, “O Mar tamén ten Mulleres”, no que, alén de analiza-lo papel da muller no mar, adianta a programación do VIII Encontro de Embarcacións tradicionais que terá lugar en Ferrol o vindeiro mes de xullo. 

Baixo o título "O Mar amén ten Mulleres", o vindeiro xoves 29 as 20:00 no salón de actos do Museo do Mar de Galicia, con entrada libre, será presentado o número catro da revista Ardentía dedicado ao papel da muller no mar. O acto contará ca presenza de Carme Adán, secretaria xeral para a Igualdade, Luís Rei, director da revista, Lola Varela, membro do consello de redacción, Fernando Piñeiro, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial ,e Pablo Carrera, director do Museo do Mar de Galicia.

 

Doce artigos asinados por diferentes autores entre os que se encontran Darío Xohan Cabana, Lola Varela, Esperanza Piñeiro ou Carme Hermida conforman o corpo principal deste número. A finais do século vinte había en Galicia preto de quince mil mulleres traballando na pesca e industrias derivadas, o que significa un 30% dos postos de traballo directos, a taxa máis alta na UE. Pero a revista non só achega datos sobre a situación actual. Os seus artigos entran tamén a analizar en perspectiva histórica a relación da muller co mar, mesmo en traballos de descarga de carbón, achegándonos historias de vida, coma a de Xenxa Cores, Luísa Agulla, a Xuliana, ou de Cipriana Crujeiras, Josefa Parada, María Fernández e Cipriana Oujo, as “heroínas de Sálvora”. O papel da muller no mar en Portugal tamén ten cabida neste número.

Ardentía faise tamén eco do VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Con carácter bianual e sede itinerante, o Encontro é a manifestación máis importante de España do patrimonio marítimo tradicional a flote, concentrándose máis de 150 buques tradicionais tanto do país galego como do resto da península ibérica. Este ano terá lugar entre os días 5 e 8 de xullo en Ferrol e organizado polo Club do Mar de Ferrol. O convidado e honra será a Bretaña francesa. Este convite ten especial relevancia, xa que logo, Galicia será o convidado de Honra na festa do Mar de Brest en 2008. O abeiro do Encontro, alén dos tradicionais pavillóns dos museos e obradoiros e navegacións, terán lugar unhas xornadas técnicas onde as normativas de uso das embarcacións tradicionais e clásicas serán analizadas. Xunto co Club do Mar de Ferrol, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e o Museo do Mar de Galicia son os organizadores de este evento.

Finalmente a revista fai un repaso da obra da pintora da mariña lucense Albina López Santos.
Ardentía é unha revista periódica temática sobre cultura marítima e fluvial de Galicia editada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e que neste número está patrocinada pola Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.