Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Xornadas de Urbanimo de Nigrán

Xornadas de Urbanimo de Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
Presentación das Xornadas
Logotipos patrocinadores
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte
Varias asociacións e colectivos do Val Miñor, organizamos as primeiras Xornadas de Urbanismo de Nigrán co obxetivo de que o veciños e veciñas da comarca continúen o debate necesario sobre o seu futuro; debate que comezou hai xa algún tempo e que nesta altura queremos avivar.

As xornadas celebraranse todos os sábados do mes de Marzo ás 19:00h, a máis dunha charla o xoves 22 ás 20:00h co arquitecto Pedro de Llano.

Dado que o concello de Nigrán non dispón de ningún auditorio nin sala pública para a realización das xornadas, as charlas celebraranse nunha aula do colexio público H. Juanes de Vilameán (Nigrán). Así mesmo porque para este lugar e o seu contorno lle tiñan reservado un destino que o pobo de Nigrán non aceptou nin vai aceptar nunca: xa que este é un terreo de dominio público que non pode entrar como moeda de cambio en ningún “cambalache” inmobiliario para beneficio particular. Non o consentiremos.

Cando falamos de urbanismo, falamos de como os habitantes de Nigrán queremos organizar o noso territorio, en función dunhas perspectivas de desenvolvemento socioeconómico, dunhas previsións de crecemento da poboación, e respectando sempre os intereses das persoas que aquí vivimos ou que aquí veñan a vivir. Queremos que as xeracións máis novas continúen vivindo aquí, e que non se vexan obrigadas a emigrar porque os pisos e casas sexan de acceso economicamente imposible para a nosa xente.

Pensamos que este é o criterio a ter en conta cando falemos de planeamento: o respecto pola dignidade e pola identidade das nosas parroquias, o respecto polo noso patrimonio natural e polo noso patrimonio histórico e cultural.

Calquera estudo arquitectónico ou urbanístico - o deseño dun novo Plan Xeral de Ordeación Municipal para Nigrán - deberá antepoñer o interese xeral ao interese particular, o interese da maioría dos veciños e das veciños de Nigrán fronte a intereses especulativos ou de enriquecemento rápido de catro “espabilados”.

Para axudarnos a pensar e a tomar decisións traemos a estas xornadas a profesionais no campo da arquitectura, dereito, historia, economía e medio ambiente; para que nos expoñan as súas ideas sobre un urbanismo harmónico e saudable, que facilite e faga máis e agradable a nosa vida.

O planeamento de Nigrán deberá ser elaborado por todas e por todos nun proceso democrático e transparente. Sirvan estas Xornadas como elemento de reflexión por un Nigrán mellor, nun Val Miñor máis acolledor e saudable. 


Máis información na web:  www.pxomnigran.com

Organizan e patrocinan.
A.VV A Irmandade de Priegue
A. VV Dunas de Nigrán
Clube Espeleolóxico Maúxo
Instituto de Estudos Miñoranos
Plataforma Nunca Máis Val Miñor
Plataforma ecoloxista Salvemos Monteferro
Portal de información Valminor.info