Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Os institutos do Val Miñor chamados á folga polo ensino en galego

Os institutos do Val Miñor chamados á folga polo ensino en galego

Correo-e Imprimir PDF
Advirten de que a Consellaría de Educación non está a cumprir os tratados internacionais que amparan o dereito colectivo a recibir o ensino en galego

Mocidade pola Normalización Lingüística (a sección xuvenil da Mesa), Galiza Nova (a organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego) e CAE (Comités Abertos de Estudantes, organización estudantil de secundaria) convocan un paro en todos os institutos de Galiza para o próximo día 8 de novembro en defensa do proceso de galeguización do ensino “que a Consellaría de Educación ten paralizado”. As Mocidades da Mesa, Galiza Nova e os CAE chaman á mobilización “en defensa da aplicación no ensino dos consensos sobre normalización lingüística”. Lembran que “no ano 2001, o Congreso dos Deputados aprobou cos votos a favor de absolutamente todos os partidos políticos a Carta Europea das Linguas, un tratado internacional de obrigado cumprimento que garante, por exemplo, o dereito colectivo de todos os galegos e todas as galegas a recibiren o ensino na lingua de Galiza. O Consello de Europa, que está encargado de velar polo cumprimento deste tratado, tiroulle das orellas á Xunta de Galiza no ano 2005 por non aplicalo. Porén, a Consellaría de Educación continúa a facer ouvidos xordos á súa obriga de cumprir este e outros acordos internacionais que foron ratificados por unanimidade.” Por iso, conclúen: “En democracia, os gobernos teñen que cumprir os acordos parlamentarios e os tratados internacionais. Nós mobilizámonos para que a Consellaría de Educación cumpra coa súa obriga de aplicar estes consensos.”

As tres organizacións convocaron tamén conxuntamente en abril de 2004 unha “folga estudantil masiva en defensa do galego, cun seguimento de entre o 80 e o 90% segundo as comarcas, que agardamos que mesmo se incremente o próximo 8 de novembro”. Lembran que a mobilización xuvenil hai dous anos tivera un resultado inmediato: “grazas a aquel paro estudantil, a Inspección Educativa comezou a se dirixir aos centros lembrándolles que deben garantir os dereitos lingüísticos dos alumnos e das alumnas segundo o estipulado polas leis. Aínda así, tales dereitos continúan a vulnerarse na maioría dos centros de ensino.”

Desde a Mocidade pola Normalización Lingüística, Galiza Nova e os Comités Abertos de Estudantes móstranse confiados en que o conxunto do estudantado galego “será capaz de mostrar unha responsabilidade da que non fai gala a Consellaría de Educación”, polo que “poderemos cambiar para ben o futuro da nosa lingua”. “Diante do evidente desinterese da Consellaría de Educación por mudar as cousas, vémonos na obriga de chamar de novo ao paro en favor da lingua propia de Galiza, logo do éxito da última mobilización pola galeguización do ensino, hai menos de dous anos. Demostrémoslle aos responsábeis da política educativa da Xunta que se a eles non lles importa a sorte e o futuro do noso idioma, a nós si.”