Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Salvemos Monteferro coordinará as solicitudes de voluntariado contra o lume no

Salvemos Monteferro coordinará as solicitudes de voluntariado contra o lume no

Correo-e Imprimir PDF

- O colectivo emitiu un comunicado mostrando a súa postura ante este novo ataque ecolóxico e humano a Galiza.
Salvemos Monteferro considera que o rural galego segue sumido no total abandono. Istes feitos non deixan de demostralo nestes días.

A asociación ecoloxista Salvemos Monteferro volve a ir más alá da defensa do monte que levao seu propio nome.
Novamente este grupo de veciós e veciñas de Nigrán toman a iniciativa de coordinar a solicitudes de voluntariado contra o lume que azota ao pais.  A catastrófica situación que dende o pasado venres ó mediodía está a vivir Galiza, un ataque simultáneo de gran magnitude, chamouno a colaborar, na medida das súas posibilidades, nas tarefas de defensa. 

SALVEMOS MONTEFERRO brindou todo o seu apoio ó servicio de voluntariado (900-400-800), onde lles informaron de quie ningún voluntario non profesional  estará en contacto directo co lume, e a súa colaboración estará limitada a tres facetas diferentes: Vixilancia activa, apoio loxístico ó persoal especializado e labouras de reforestación.


Salvemos Monteferro ofrece un número de teléfono de contacto para quen queira sumarse a algún destes traballos ou máis información, pode poñerse en contacto co número do voluntariado ou no número da asociación 647965193 para achegar conxuntamente as propostas de axuda. 


Comunicado de Salvemos Monteferro

A NOSA CINZA 

Dende hai días pódese mirar ao sol cara a cara. Dende hai días a choiva que cae en Galiza non molla. Dende hai días os galegos respiramos a nosa cinza…

Nun desastre natural destas características o primeiro que un se pregunta é ¿qué pasa? ¿Fallou a prevención? É claro que si, dirá un. ¿Fallou a estratexia de extinción? É claro que si, dirá outro. ¿É unha campaña en contra do goberno galego? É claro que si, dirá o de alá e aínda o de mais alá exporá outra serie de razóns nas que sempre atopará apoios.

É evidente que nos atopamos ante a maior provocación de lumes da historia da Galiza recente. Tódalas razóns que a calquera de nos se nos pasen pola cabeza terán como mínimo parte de verdade.

Do mesmo xeito que cando o médico non é quen de dar coa causa do noso mal e o único que fai é atallar os síntomas da nosa enfermidade e non as causas, tamén semella desacertado que os “facultativos” do noso rural adicáranse durante vinte anos a atallar as consecuencias dos incendios e non as súas causas.

A política forestal en Galiza chegou ao seu día de exame final e este é o resultado.

Ouro verde

Incentivouse a plantación de miles de hectáreas cunha soa especie, o culpable desta situación é claro. En Galiza chamouse “ouro verde” ao eucalipto, unha especie subvencionada pola administración na política de reconversión de terras agrarias. Non había máis que plantala e esperar para facer millóns, era tan agradecida que unha vez cortada volvería medrar. Ata tres veces pódese aproveitar antes de ter que cambiala planta. ¿A quén lle amarga un doce? ¿Cómo non decidir unha inversión duns cartiños para a xubilación?

Da noite á mañá Galiza apareceu chea de “ouro verde”. De súpeto cando moitos galegos se refregaban as mans co diñeiro que tiñan invertido no monte, empezaron a aparecer os problemas: o eucalipto xa non era unha planta indemne ás pragas e enfermidades, o eucalipto necesitaba de axuda para medrar. A administración púxose mans á obra e gastou moito diñeiro en estudios e plans de accións encamiñados a controlar a praga, para cando xa tiraran as conclusións os montes galegos aparecían desolados, tal que ardesen. Os pequenos propietarios desesperábanse facendo o que podían por salvar os seus catro eucaliptos. A administración calaba: eiquí non pasa nada. Todo está controlado. A especie empeza a perder o seu valor, xa non é tan doado coma antes.

Nestas estabamos, cando coa absorción da papeleira de Navia, ENCE quedou coma a única empresa que daba saída á madeira dos propietarios forestais. Ou o tomas ou o deixas, teño miles de hectáreas de eucalipto esperando por min. Os prezos caen en picado. Isto xa non é o que era, entre desbroces, tratamentos e o prezo da madeira xa non compensa. Comeza o abandono do monte, o principio do fin. Soamente o lixo, o que non serve, se queima.

É tempo de facer POLÍTICA con maiúsculas, da que gusta mirar, da que gusta escoitar, da que produce resultados. Fálase de terrorismo forestal, actuemos polo tanto en consecuencia.

Unha actuación encamiñada a que o monte non arda ten que ser asumida por todos. O sistema forestal débese planificar a medio e longo prazo, non entra polo tanto nos catro anos de mandato dunha lexislatura. Para facer unha política forestal de futuro ten que haber implicación de tódalas partes, debe perdurar no tempo, non pode depender de decisións partidistas. Logo non só os políticos teñen que tomar decisións do que se debe facer en Galiza cos montes. Falamos dun sector de problemática diversa no que hai moita xente implicada.

Abandono

O despoboamento e avellentamento do rural, alentado pola ausencia de políticas firmes de desenvolvemento, provoca un abandono dos aproveitamentos e usos tradicionais do monte que mantiñan á poboación vencellada ás súas terras. A nosa mocidade busca o seu futuro nas cidades e non sempre galegas, por certo.

Lembremos que Galiza ten aproximadamente 1,4 millóns de hectáreas arboradas producindo o 40 % da madeira do estado español, mais non existe unha industria galega do sector. Carécese da transformación e elaboración dun producto final.

Tendo en conta todo o antedito non debemos esquecer que a natureza se rexenera polo tanto estamos diante dun reto consistente en facer un novo pais e unha nova era, estudiemos e apliquemos as conclusións: creación dunha industria da madeira de aproveitamento sostible, futuros montes con diversidade de especies, un rural que serva de esparcemento e de medio digno de vida. Un agro e unha gandería compatibles e vencelladas ao monte. En definitiva unha poboación libre das redes caciquís e solidaria non soamente en tempos de desastre, capaz de afrontar de modo conxunto proxectos cooperativos que constitúan outra economía social viable.


A política forestal debe nacer do consenso entre todos os grupos políticos, empresas, empregados e asociacións de propietarios forestais, organizacións ecoloxistas e demais axentes implicados. O resultado dunha única visión estámolo a sentir nestes días. ¿Será o pobo galego quen de sentarse a falar e de actuar despois?