Mércores, 5 Jun. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O BNG de Oia denuncia o incumprimento do contrato na recollida do lixo

O BNG de Oia denuncia o incumprimento do contrato na recollida do lixo

Correo-e Imprimir PDF
A Agrupación Local do BNG de Oia ten comprobado, desde hai varios meses, o reiterado incumprimento do contrato asinado polo Concello para xestionar a recollida do lixo nas distintas parroquias. As condicións contractuais, baixo as que debe operar a empresa que xestiona este servizo, estabelecen unha frecuencia obrigada de 2 recollidas semanais (e de 3 recollidas semanais na época estival) en cada parroquia.




No entanto, o BNG de Oia vén observando que estas condicións non se están cumprindo: os contentores só se baleiran unha vez por semana e a saturación do lixo chega até tal extremo que son os propios veciños os que deben chamar ao Concello para demandar a recollida dun lixo que reborda amplamente os contentores.

Actualmente, a empresa concesionaria destina unicamente dúas persoas e dous camións (un de dimensións reducidas) para cumprir as obrigas contractuais nas seis parroquias do concello, que supera na época estival os 3.000 habitantes.

Por todo isto, o BNG de Oia esixe ao grupo de goberno que atalle este prolongado incumprimento do contrato e que demande da empresa concesionaria a satisfacción das frecuencias estabelecidas para a recollida do lixo en todas as parroquias.


“A situación actual pódese complicar aínda máis coa chegada do verán, xa que o número de habitantes de Oia crece considerabelmente nesta época na que, ademais, os estabelecementos de hostalería incrementan notabelmente a súa clientela. Se o Concello non soluciona as carencias na recollida do lixo, pódense repetir as mesmas situacións que se deron en veráns anteriores: montes de lixo rebordando dos contentores, con todo o que isto supón para a imaxe turística do concello de Oia e para as condicións hixiénico-sanitarias de toda a viciñanza”, explica Anxo González Vicente, responsábel local do BNG en Oia.