Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Esixímoslle ao subdelegado do Goberno que investigue os atentados que padecemos

Esixímoslle ao subdelegado do Goberno que investigue os atentados que padecemos

Correo-e Imprimir PDF

Fonte - A Nosa Terra
Máis de tres meses despois de sufrir un atentado e cando outro compañeiro seu sufriu outro atentado e outro máis unha agresión, o concelleiro do BNG no Val Miñor David Xiráldez esixe que se investigue e revela a existencia de indicios dos actos.
Parece ser que o subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, minimizou o alcance dos atentados aos cargos públicos do BNG no Val Miñor.
Minimizou no sentido de descartar que o móbil fose urbanístico, pero ademais tamén apuntou a simples “contextos persoais” no que se refire ás causas.

Que hai de certo nisto?
Teño a convicción de que cando menos no meu caso, as causas están relacionadas con algunha das numerosas denuncias urbanísticas que fixen nos últimos tempos, en absoluto a contextos persoais. Mais se Delfín Fernández sabe algo máis, que o diga. Eu falei co comandante do posto da Garda Civil de Baiona, que é a agrupación que leva o meu caso, e díxome que de momento as investigacións non dan resultado. Se un di que son contextos persoais e outro que non se sabe nada de momento, de que falamos?

O BNG cualificou de imprudentes as declaracións do subdelegado do Goberno.
É que o son, sobre todo porque insinúa algo que logo non di. Nós, o que queremos, é que se aclare isto dunha vez. Temos dereito, como calquera outro cidadán, a que haxa unha investigación en forma e que se coñezan os autores. Por outra banda, aínda que teñamos a convicción de que o móbil sexa urbanístico, se as razóns responden a contextos persoais, que digan cales e quen son os autores. Despois de todo, para nós sería tranquilizador que as razóns fosen persoais e que os autores fosen detidos, saberíamos que non ía haber outros atentados. De todas formas, que dous cargos públicos do BNG sexan vítimas de atentados en tres meses non pode ser casualidade.

Sabe por que non avanza a investigación?

Non o sei. Pero sei que as autoridades teñen dous indicios dos que tirar. Explícome: na noite do dezanove de novembro, cando queimaron o meu coche, apareceu un pequeno artefacto explosivo refractario que polo visto se usa para pirotecnia e cantería. Esa especie de vaina empregouse para espallar máis o lume e, no exterior do cartucho, había unha referencia da fabricación á que se lle pode seguir a pista.

Cal é o outro indicio?

Uns días despois recibín no meu teléfono móbil unha chamada procedente do estranxeiro preguntándome se quedara contento do atentado. Pois ben, ese número quedou rexistrado no meu teléfono e proporcioneillo á Garda Civil. Ademais, tamén lle din unha lista completa das denuncias urbanísticas que fixera. Penso que con eses datos teñen para traballar.

Son datos que non se coñecían.

Non os fixen públicos naquel entón para facilitar o traballo da investigación.

En vista dos resultados, quizais obrou con inxenuidade.

Visto o que pasou, si. Parece que non queren investigar.

Non queren, quen non quere?

Non se pode deixar o asunto nas mans da Garda Civil de Baiona porque non ten as necesarias dotacións técnicas e persoais, en canto o número de efectivos.

Que hai da suposta relación entre o atentado que sufriu vostede e o que padeceu o trece de xaneiro Domingos Solla, vocal do BNG da entidade menor de Morgadáns.
Iso é algo que teñen que determinar os investigadores, aínda que como dixen, non hai investigación. En todo caso, non está establecida esa relación nin ten por que habela. É máis, a forma de facer os atentados nos dous casos é distinta. No meu, foi ás once de media da noite dun sábado nunha estrada pola que pasa xente de forma continua e cando había luces nas fiestras no edificio de diante. É dicir, foron uns ousados e ademais empregaron un sistema relativamente complexo para facer o atentado. En troques, no caso de Domingos Solla, aproveitaron o peche da finca para actuar, fixérono moi entrada a noite e unicamente canalizaron o combustíbel para queimar dous coches e case queimar á súa familia.

Como di, os casos non se parecen.

Pero un leva ao outro.

Por que o di?

Se non investigas, se despois do meu atentado todo o mundo ve que non hai resultados da investigación porque non hai intención de dar cos autores, calquera que queira atentar contra outro cargo institucional do BNG sabe que non se investigará, é dicir, que non o perseguirán.

Fala de cargos institucionais.

Si, falo de cargos institucionais, algo que ademais provoca alarma social e que acentúa máis a necesidade de realizar unha investigación para determinar quen son os autores e que se faga público iso, en lugar de que o subdelegado do Goberno airee supostos contextos persoais sen dar ningunha outra luz. Esixímoslle ao subdelegado do Goberno que investigue os nosos atentados.

Sobre todo porque ademais aquí se poñen todo tipo de medios de investigación noutros casos.

Eu non quero facer comparacións con outras actuacións policiais ou xudiciais, só desexo que as autoridades cumpran co seu deber. Como cidadán é algo ao que teño dereito.

Nos indicios que apuntaba vostede no caso do seu atentado, sinalaba as denuncias urbanísticas que realizara nos últimos tempos.

Si, penso que pode haber algunha relación no caso de seis ou sete denuncias