Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O BNG de Oia denuncia o incumprimento nos prazos na instalación da ADSL

O BNG de Oia denuncia o incumprimento nos prazos na instalación da ADSL

Correo-e Imprimir PDF
Oia é o único concello illado e sen acceso pleno á Sociedade da Información nas comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor. O noso concello segue sendo o único que non dispón, até agora, de acceso a Internet a través da banda ancha. Nen a veciñanza nen o empresariado local pode valerse dun acceso normalizado a Internet e, por isso, deben xestionar as súas operacións na rede através dunha liña telefónica que non permite o uso simultáneo do teléfono e que apresenta unha velocidade de conexión irrisoria e moi por debaixo do que hoxe é habitual a menos de dez quilómetros de distancia.  

Apesar de que no “Programa nacional de extensión do acceso á banda ancha nas zonas rurais”, apresentado en 2005 polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio; se prevía que as principais parroquias de Oia (Oia e Mougás) tivesen acceso á banda ancha no vindeiro mes de marzo (ou antes, xa que en Viladesuso dáse por feito que en 2005 habería xa ADSL), a unha semana de que finalice o prazo parece case imposíbel que se poidan cumprir as previsións.


"A veciñanza e o tecido empresarial de Oia non merecen seguir illados do desenvolvemento tecnolóxico que se dá a poucos quilómetros de distancia. No BNG de Oia só atopamos unha explicación á situación de <analfabetismo dixital> que vive o noso municipio: a falta de xestión por parte Concello para satisfacer as demandas de veciños e empresarios. Se existise vontade e unha mínima preocupación por solucionar o problema, estamos certos de que se poderían cumprir os prazos previstos no Programa apresentado polo Ministerio de Industria”, afirma o Responsábel Local do BNG en Oia, Anxo González Vicente.

Lonxe de atallar esta situación, o Concello de Oia segue mostrando a súa total inoperatividade á hora de xestionar a instalación definitiva da banda ancha nas parroquias máis poboadas do municipio. Os dous únicos movementos do Concello no acceso de Oia á banda ancha fracasaron, desaproveitando así a oportunidade de igualar a situación de Oia co resto de concellos do Baixo Miño e do Val Miñor. 

Foi o caso, por exemplo, da instalación dun “telecentro” na biblioteca do Concello. No ano 2004, a Deputación de Pontevedra apresentou o programa “Internet no rural” para que concellos como o de Oia puidesen instalar computadores con acceso á banda ancha através de satélite. O custo habitual deste tipo de instalacións non baixa dos 2.000 euros iniciais e dunha cota mensual que pode chegar aos 100 euros (é por iso que non se pode formular como unha solución para os particulares, xa que o investimento inicial supera amplamente o da conexión a outras tecnoloxías, como é a ADSL).  Apesar destes investimentos, o telecentro-biblioteca municipal só funcionou durante uns meses xa que, cando a persoa responsábel da atención ao público marchou, non se cursou a contratación doutra persoa que a substituíse. Así, o único “telecentro” de Oia segue pechado ao público, apesar de que o volume de visitantes que accedían a Internet através dos seus computadores era moi significativo.

A segunda, e última xestión coñecida do Concello para instalar a liña ADSL en Oia, foi a emisión dun bando municipal, o 16 de febreiro de 2005. Neste bando, o Concello pedía á veciñanza interesada en dispór da ADSL que a solicitase na Axencia de Desenvolvemento Local. O número de interesados superou as previsións mais, xusto un ano despois do bando, non hai noticias de que estas peticións poidan ter unha resposta a curto prazo. É máis: aínda que a compañía Teléfonica anunciou en 2003 a disponibilidade inmediata da liña ADSL nos principais núcleos de poboación de Oia, a día de hoxe resulta imposíbel acceder a Internet se non é cunha liña telefónica convencional, coas desvantaxes comparativas que supón fronte aos concellos veciños que si dispoñen de ADSL.

Por iso, a Agrupación Local do BNG de Oia esixe ao Concello que xestione con urxencia a incorporación de Oia á conexión de Internet através da banda ancha para evitar máis demoras e máis incumprimentos dos prazos prometidos pola Administración. Oia non merece seguir afastada do desenvolvemento tecnolóxico polo que si parecen apostar os concellos veciños.