Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O BNG de Oia denuncia o total abandono en que se atopa o centro de saúde

O BNG de Oia denuncia o total abandono en que se atopa o centro de saúde

Correo-e Imprimir PDF
A Agrupación Local do BNG de Oia denuncia a ausencia total de xestión por parte do Concello para garantir os servizos básicos e mellorar as condicións hixiénico-sanitarias do centro de saúde localizado en Santa María de Oia, o único que existe en todo o municipio e do que se “beneficia” a maior parte da veciñanza. A Xunta de Galiza destinou unha partida de 60.000 euros nos orzamentos deste ano co obxectivo de mellorar as instalacións do centro de saúde. No entanto, o Concello de Oia non dá sinais de querer xestionar esta cantidade, xa que permite que o centro de saúde careza de servizos básicos (como unha liña telefónica para atender a cita previa ou a dotación dun fax para recibir documentos oficiais do SERGAS, que até agora se reciben nun establecemento privado de Oia).


 Por outra banda, as malas condicións hixiénico-sanitarias que presenta o centro de sáude poñen en risco aos profesionais de atención primaria que traballan no centro e aos propios pacientes, nenos e adultos. De feito, na semana pasada detectouse a presenza de varios ratos dentro da consulta de pediatría.


 A Agrupación Local do BNG de Oia esíxelle ao Grupo de Goberno e ao Alcalde, Alejandro Rodríguez Rodríguez, que axilicen todos os trámites que recaen baixo a súa responsabilidade para xestionar a partida orzamentaria asignada e asegurar os servizos básicos e mellorar as condicións hixiénicas e de limpeza que actualmente presenta o centro de saúde de Oia.


 “Unha boa parte da veciñanza de Oia opta por desplazarse a centros de saúde de municipios veciños para garantir os dereitos básicos da atención primaria, como a cita previa. Até que o Concello non poña remedio a esta situación, a veciñanza de Oia debe esperar ás portas do centro desde a madrugada para coller o seu número e ser atendido, a media mañá, polo seu doutor de cabeceira. Portanto, e até que non se arranxe esta situación, a veciñanza de Oia debe perder toda unha mañá para recibir a consulta ou pedir as receitas que precisa e, desde o BNG de Oia, consideramos que esta situación é intolerábel”, explica o Responsábel Local do BNG  de Oia, Anxo González Vicente.


 A Agrupación Local do BNG de Oia apresentou varias mocións e escritos, entre os anos 2000 e 2003, para instar ao Concello a xestionar a mellora das instalacións e da dotación de servizos no centro de saúde, así como as súas condicións hixiénicas e agora agarda que as promesas verquidas nestes días se transformen en realidade nun prazo breve de tempo.