Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Escolainas Vocabulario

Vocabulario

Correo-e Imprimir PDF

- Resulta que a metade da clase non sabe o que é “altruísmo” e en cambio saben perfectamente o significado de “software”.

- Está claro. É unha cuestión de intereses. O que lles “mola” domínano con facilidade e habelencia abraiantes.

Breixo, o meu colega de Lingua Galega, anda estes días dándolle voltas a unha teima. Antes de seguir avanzando no libro de texto quere buscar recursos para que os seus alumnos aprendan moito máis vocabulario e o manexen para expresaren con claridade e precisión todo tipo de ideas e pensamentos.

- Hai que acabar co “vale, tío; isto mola; daquilo paso”. ¿Non vos decatades de que moito do que lles dicimos pasa voando por riba das súas cabezas? Ás veces por falta de interese, pero en moitas ocasións porque non nos entenden. Falamos idiomas distintos.

E conta o que lle pasou traballando coa prensa. Un artigo cultural falaba de que o Mariscal Pardo de Cela morrera decapitado. O alumno preguntoulle en que época sucedera e, cando llo contou, quedou asombrado:

- Pero, ¿cómo puido morrer decapitado se daquela non había xornais?

Por un inexplicable cruce de significados coidaba que “morrer decapitado” equivalía a “morrer e saír a noticia en letras grandes” no xornal.

Calquera docente pode atopar ducias de anécdotas capaces de apoiaren a opinión de Breixo. E non digamos se incluímos a ironía, perigosa arma de dobre fío que hai que manexar con coidado pois é doado que o alumno a entenda como verdade irrefutable (¡díxoa o profesor!). Como cando un pai me ofreceu dous xamóns para que o seu fillo aprobase o inglés de oitavo: eu dixera que un xamón non abondaba para acadar esa meta.

O meu colega Breixo está embarcado nunha cruzada que acapara toda a súa atención e monopolízalle a conversa. Difícil cruzada, pero importantísima. Para animalo cóntolle unha das miñas primeiras experiencias pedagóxicas, cando dedicaba as tardes a darlles clases particulares a alumnos con dificultades. E faleille de Antón, tímido e lento, unha cousa consecuencia da outra, supoño. Non era quen de comprender aquilo tan sinxelo de “suma por diferenza igual a diferenza de cadrados”. Sabía dicir a lei de memoria pero, á hora de resolver un exercicio práctico, non era capaz. Despois de preguntarlle se entendía perfectamente o enunciado e ante a súa resposta afirmativa, decidín comprobalo e, como resultado da miña pescuda, cambieillo: “suma por resta igual a resta dos cadrados”. Nunca esquecerei o momento no que se fixo a luz naquela cabeza, unha luz capaz de cambiar a fasquía da persoa, unha luz alegre e bulideira que viña dende moi dentro, tal vez dende un abismo vencido pola palabra.