Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Escolainas Pedro e Rañolas

Pedro e Rañolas

Correo-e Imprimir PDF

Véxoos alá, no fondo do patio, circulando por un lugar pouco doado para unha cadeira de rodas; son Pedro, o usuario, e Anxo, o que empurra. Pero eu chámolles Pedro e Rañolas porque sempre andan xuntos. Cando me decato do irregular do terreo polo que rodan berro, levantando a voz moito máis do que soe ser correcto nun profesor.

- ¡Rañolas! ¿Qué facedes por aí?

- É que Pedro quería ver as árbores que plantamos a semana pasada.

- ¡Vir aquí en seguida! – berro de volta, usando incorrectamente o infinitivo.

Non son coma o resto dos compañeiros. O destino fíxoos diferentes, e a diferenza, amigos. E, nesta simbiose temporal que os une, Pedro achega a intelixencia e Rañolas a axilidade.

Chegan onda min con exceso de velocidade e a cara feliz e cómplice de quen fan unha travesura que supoñen simpática.

- Pero home, Pedro. Tan responsable e deixas que te leve por eses sitios tan perigosos.

- Non o son, teacher. Rañolas ten moita forza e conduce moi ben.

O afago produce un considerable aumento de comisuras en Rañolas, que sorrí con ollos e beizos. Séntese, seguro, sobradamente pago polos seus servizos.

Cambio de conversa para confirmarlles que non estou enfadado e, sen decatarme, entro nun terreo escorregadizo.

- ¿E que tal o control de mates que tiñades á mañá?

Rañolas apágase de súpeto.

- Mal, teacher – contesta.

E remacha:

- Coma sempre.

- Está triste porque lle saen mal os controis. E iso que estudou un montón.

-Pois se segues estudando e traballando xa verás como ao final o consegues.

 

A miña voz soa falsa, seino, pero ¿que podo facer?

- Iso é o que lle digo eu todos os días, pero el, nada.

- ¡Claro! ¡Como ti aprobas sempre...!

Dous alumnos modélicos: tranquilos, boa xente, responsables, traballadores,...

De Rañolas temos falado moitas veces:

- ¿Unha Adaptación Curricular? Non é tan atrasado. Logo leva para sempre no libro de escolaridade esa marca ...

El pon fin á nosa conversa deste recreo:

-Gustaríame tanto aprobar algunha vez ...

Non o conseguirá.

Xa lles queda pouco neste Colexio. Están en 6º e o vindeiro curso empezarán a ESO noutro centro. Rañolas levará case todo suspenso. Pedro, en cambio, todo aprobado.

¿Todo? Ben, si, porque de ximnasia está EXENTO.