Sábado, 12 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Manifesto do claustro de profesores do IES ESCOLAS PROVAL sobre o Anteproxecto de Lei para a mellora do sistema educativo.

Manifesto do claustro de profesores do IES ESCOLAS PROVAL sobre o Anteproxecto de Lei para a mellora do sistema educativo.

Correo-e Imprimir PDF

Desde o claustro de profesores do IES ESCOLAS PROVAL queremos manifestar as seguintes consideracións sobre o Anteproxecto de Lei para a mellora do sistema educativo:

1. O proxecto presentado polo Ministerio de Educación serve de máscara para afondar nunha reforma ideolóxica, segregadora e elitista do sistema educativo

2. Non toleramos que o Ministerio continúe falando "de consenso" coa comunidade educativa cando é totalmente falso, non existiu ningún tipo de diálogo. É máis, o Conselleiro de Educación de Galicia non deu a coñecer as propostas que ía presentar na Conferencia sobre esta lei, nin deixou que desde o profesorado lle fixésemos chegar as nosas.

3. Este proxecto introduce unha ESO segregadora, depreza a FP, introduce un modelo de avaliación como carreira de obstáculos, implanta a autonomía da competitividade, dá un salto atrás na xestión democrática dos centros educativos e retrocede na educación en valores.

4. A estrutura do sistema sofre importantes cambios non só en canto á duración e composición das etapas, senón en canto á división que fai das materias ao dividilas en troncais, específicas e de especialidade desde a Educación Primaria ata os ensinos postobrigatorios. Entendemos que non existen categorías nas materias curriculares e que todas deben ter o mesmo tratamento para conseguir unha educación integral do alumnado que lle permita formarse como unha persoa responsable, crítica e con capacidade de participación na sociedade.

5. O Ministerio cede ás presións de determinados sectores e recolle as súas propostas partidistas, como a aparición dunha materia alternativa á Relixión e, no que respecta á programación da rede de centros, introducindo a demanda social como un elemento básico para a súa confección, o que engade un elemento distorsionador que pode conculcar o dereito á educación en determinadas zonas e esconde un afán privatizador en si mesmo.

6. Centrar o debate deste anteproxecto, como se fixo, no ensino en catalán ou na introdución dunha materia alternativa á Relixión, confirma o seu profundo transfundo ideolóxico e o nulo consenso ao que se fai mención. Pola contra omítense aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada do alumnado, a baixada de ratios ou de horas lectivas do profesorado, que influirían realmente nas taxas de abandono e fracaso escolar. Ademais non debemos deixar de subliñar o afán privatizador que impregna todo este anteproxecto.

Por todas estas razóns esiximos a retirada do Anteproxecto de Lei presentado polo Ministerio dirixido polo ministro Wert.