Luns, 16 Sep. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion Cartas A razón de ser do Parador de Baiona e da empresa pública Paradores de Turismo

A razón de ser do Parador de Baiona e da empresa pública Paradores de Turismo

Correo-e Imprimir PDF
paradormonteboi

En referencia á noticia publicada en valmiñor.info o pasado mércores 11 de xaneiro sobre a posible privatización do Parador de Baiona, quixera manifestar a miña opinión sobre o tema.

Son Jorge Carneiro Penedo, traballador deste Parador e secretario do Comité de Empresa, ademais de membro do Comité Intercentros de Paradores de Turismo dende o ano 1992, ostentando a presidencia deste último ata o pasado ano, o que me proporciona un coñecemento importante desta empresa.

Esta non é a primeira vez que se producen noticias sobre a privatización de Paradores. Hai uns anos e cun goberno do PSOE xa circularon noticias sobre este tema, a pesar do cal Paradores segue sendo unha Empresa Pública e exercendo o labor para o que foi creada alá polo ano 1928. Xa nesa ocasión xurdiron voces, dende o meu punto de vista interesadas, que formulaban a incoherencia de que o estado mantivese unha cadea de hoteis como empresa pública. Do que non falaban esas voces interesadas era do labor público que esta empresa ten e que realiza dende 1928 ata os nosos días. Ese labor público baséase en manter unha plantilla estable para garantir unha imaxe de calidade, en correr riscos que ningunha empresa privada está disposta a correr abrindo e mantendo Paradores en zonas nas que a iniciativa privada nunca arriscaría nin un só euro, en investir a gran parte dos seus beneficios en manter uns edificios históricos que de non estar ocupados por un Parador estarían en ruínas ou custándolle un montón de diñeiro ao sido sacado lle ningún beneficio nin económico nin de ningún outro tipo, en investir diñeiro e esforzos en promover as zonas onde están situados.

Exemplos temos montóns e algúns moi próximos e recentes. Rivas de Sil ata non hai moito era unha zona preciosa cun moi difícil acceso e un mosteiro que era coñecido por un número limitado de persoas. Hoxe en día, grazas a que ten un Parador, é coñecido mundialmente e visitado por miles de persoas que dinamizan a economía da zona e tramiten as marabillas da Ribeira Sacra. A iniciativa privada tivo posibilidades de xestionar este mosteiro convertido en hotel, pero decidiron non correr o risco e tivo que ser Paradores quen se fixera cargo del.

Só temos que facer un pouco de memoria e recordar o que era Baiona antes de ter Parador. Era unha viliña mariñeira preciosa que tiña unha muralla e un pazo que era utilizado polos señores de Medriñana para pasar as súas vacacións estivais e que non coñeciamos nin sequera a xente do pobo. Dende que se construíu o Parador, Baiona pasou a ser unha referencia a nivel turístico. Ninguén en Baiona concibe este pobo sen o seu Parador, mesmo nestes momentos, nos que xa hai unha infraestrutura turística importante, o Parador segue sendo vital para a economía da zona, para o mantemento de todos os hoteis, restaurantes, cafetarías, comercios...

Cada vez que escoito ou leo noticias intentando xustificar a necesidade de privatizar Paradores xórdenme as mesmas preguntas ¿Como se pode dicir que Paradores non ten sentido como empresa pública e que só se trata dunha cadea de hoteis? ¿Como se pode dicir que Paradores fai competencia á empresa privada cando o que está a facer é xerar tecido económico ao seu arredor? ¿Como pode non terse en conta a cantidade de diñeiro que Paradores aforra ao estado en conservación de edificios históricos? ¿Alguén pode convencernos que se algún día os Paradores pasan a mans privadas seguirán apostando por dinamizar a economía da zona ou investindo diñeiro en conservar o edificio? Dinse moitas mentiras para intentar convencernos de que Paradores non ten sentido como empresa pública, pero todas elas son mentiras interesadas que se desmontan por se soas.

E a historia continúa, todos os días aparecen concellos que solicitan un Parador, que ven como unha posibilidade de dinamizar a economía da súa zona a construción dun Parador, que ofrecen edificios que necesitan conservar para que se convertan nun Parador, que necesitan unha empresa pública como Paradores para que o seu pobo sexa coñecido. Estes concellos non piden que se faga un hotel de ningunha das cadeas privadas que existe, queren un Parador por algo será!

O que ten que facer o novo goberno é crer na importancia que ten Paradores, potenciar o beneficio social que xera esta empresa e mellorar a xestión para que tamén teña beneficio económico. Esta Empresa Pública ten moito futuro e moito beneficio que dar á sociedade e á economía deste país, pero só se continúa sendo o que é. O diñeiro que se poderá sacar coa venda ou a entrada de capital privado na empresa é mínimo e non axudará a solucionar a situación actual, entón para que arriscarse a rematar cunha empresa que está a xerar un beneficio tan importante.

Espero que o Parador de Turismo "Conde de Gondomar" siga a ser o que é, porque de non ser así Baiona e todo o Val Miñor perderá moito. Creo que hai motivos suficientes para que esta empresa siga a ser unha empresa pública e como tal siga a facer a labor para a que foi creada aló polo ano 1928.