É verdade, a primeira vez que Baiona saiu no Informe Semanal non foi para alabar a nosa paisaxe ou para elevar a excelencia a calidade dos nosos políticos, foi para ver ao Cabeco queixarse de que a súa Pinta estaba presa e sen coidados, co conseguinte perigo para a súa saude.
Agora voltamos a ser foco de atención dos medios nacionais, desta vez por causa das cinco medallas da vergonza, as medallas aos seguidistas do Réxime, os que non moveron un dedo para mudar as cousas, quizáis porque era unha época de "extraordinaria placidez". O certo é que para Manuel Aballe Domínguez, Felicísimo Antonio Pérez Pérez, Elías Alejandro Gonda Alonso, Manuel Francisco Lijó Pérez, Modesto Fernández Rodríguez, Fidel Leyenda Rodríguez, José Rodríguez González, Manuel Barbosa Durán e Generoso Valverde Iglesias aquela época únicamente foilles plácida porque uns asasinos lles descerraxaron un tiro na caluga, como soamente fan os cobardes. Eles sí que serviron de exemplo para que hoxe valoremos a democracia. Eses alcaldes non contribuiron en nada a acadar o que hoxe tan pouco valoramos, a democracia. Os seus fillos deberían ir coa cabeza gacha polas nosas rúas, porque non teñen nada de qué presumir. As familias dos da Volta dos Nove deberían ser os que recibisen medallas e se lles recoñecese o que alguén por puro odio lles negou hai 72 anos, a dignidade.
Nestes días moitos voltamos a sentir vergonza de ser baioneses e teremos que baixar a cabeza fora do noso concello en nome dos prepotentes que exiben o seu poder fachendosos e cheos de razón. Avergoñámonos de que se erixa un monumento en Baiona en memoria dos represaliados e o único Concello afectado que non contribúa a tan noble ofrenda sexa o noso.
Se en Euskadi se erixise un monumento aos verdugos e se negase o recoñecemento ás víctimas ¿qué ríos de tinta non correrían? ¡Ah!, non, si alí impera a normalidade no partido que aquí se equivoca. Unha vez dixo un político que o PP non era a extrema dereita, pero que a extrema dereita estaba no PP. En Baiona pódese apreciar empíricamente que o dito era moi acertado.
Algúns presumen do proceso de transición que se viviu en España como algo exemplar, ainda que eses mesmos aduladores que agora se negan a retirar símbolos da dictadura porque son "parte da nosa historia" tampouco puxeron moito empeño en exportar o modelo. Máis ben consentiron que en Irak se aforcase coma a un porco ao seu "Xefe de Estado" e se tirasen estatuas que se colocaran na súa honra. O dobre rasero que estes días podemos ver no caso de China. Todos calan coma cadeliñas en celo ante o Imperio Roxo, calan para desfogarse con paises menos poderosos, coma Venezuela ou Cuba. Xa non falemos da vergonza de Guantánamo. Hoxe calamos, como calamos hai 70 anos en España cos fusilamentos franquistas ou coa cámaras de gas nazis.