Luns, 27 Sep. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar A Cento Cien achegará a #Gondomar máis dun milleiro de visitantes coa concentración de motos.

A Cento Cien achegará a #Gondomar máis dun milleiro de visitantes coa concentración de motos.

Correo-e Imprimir PDF

cartel-parcial

Gondomar será o centro do motor en dúas rodas durante toda a fin de semana. A IV Concentración Moto Club A Cento Cien xa está en marcha e todo está listo para acoller no predio das Cercas a máis dun milleiro de visitantes segundo cálculos da organización. O evento contará cunha carpa instalada no aparcadoiro a carón do campo de fútbol, onde pincharán Dj's a partir do venres 19 ás 22 horas. O espectáculo sairá ás rúas con varias rutas na zona que percorrerán os máis de 200 inscritos nelas. A maiores a vila gozará dun singular espectáculo o sábado pola noite cun percorrido con esferas luminosas e globos de helio que se instalarán nas máquinas participantes.

Un fito anual impusado por veciños.

O evento marca un fito importante no calendario de actividades abertas de Gondomar, e sen dúbida terá o seu impacto un ano máis no desenvolvemento turístico e económico da zona. Así opina Alberto San Juan, vicepresidente do Moto Club A Cento Cien que xunto co equipo de 18 veciños e veciñas que integran o colectivo están a traballar arreo todo o ano para xuntar ao que eles definen como "a familia dos moteiros".

Fóra dos mitos tradicionais.

É que lonxe do mito das "bandas de anxos" con coiros negros que saen polas carreteiras de xeito aventureiro e sen rumbo, os clubs como o A Cento Cien, fan culto á integración das persoas e familias dos amantes destas máquinas. Os seus eventos procuran espazos de encontro e unha oportunidade para coñecer o país, recuncho a recuncho segundo o lugar do club anfitrión. Tamén, claro está, unha boa xornada gastronómica, festas e sorteos, como os que vivirá Gondomar este 19, 20 e 21 de xuño.

Crearán as "Olimpíadas Moteiras".

Presidido por Carlos Figueroa, A Cento Cien leva cinco anos de vida en Gondomar. Nestes poucos anos xa marcaron datas do calendario con actividades importantes como o "Moto Carnaval" na época do Entroido e o "Moto Magosto" no mes de outubro, ademais dos encontros. Por se fora pouco, este colectivo gondomareño está a impulsar en todo o país a creación dunhas "Olimpíadas Moteiras", que combinarán o carácter lúdico das concentracións cunha competencia puntuable ao longo do ano.

Gondomar no calendario dos seareiros das concentracións. Inda que con atrancos, sobre todo económicos e ás veces burocráticos, este colectivo amosa unha capacidade creativa e de convocatoria que sumada aos do seus irmáns da "Peña Motera Rillasepas", tamén gondomareña, teñen logrado colocar o nome e destino Gondomar no calendario de milleiros de seareiros das motos en toda España.

PROGRAMA DA IV CONCENTRACIÓN

programa-concentracion