Luns, 27 Sep. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar Entidades sociais de Gondomar transmiten aos partidos políticos a necesidade de participación veciñal na vida municipal

Entidades sociais de Gondomar transmiten aos partidos políticos a necesidade de participación veciñal na vida municipal

Correo-e Imprimir PDF

A Coordinadora Veciñal de Gondomar achegou este escrito ás organizacións políticas " co obxectivo de que asuman o seu contido de cara á vindeira convocatoria electoral municipal". Transcrición da proposta:
PROPOSTAS DE MÍNIMOS PARA A PARTICIPACIÓN VECIÑAL NA VIDA MUNICIPAL
Co obxecto de evitar o escurantismo, ocultación de información e xestión particular da vida municipal, en recoñecemento do dereito da veciñanza a una información accesible, clara e veraz, a Coordinadora de Entidades Veciñais de Gondomar (CEVG) propón ás organizacións políticas de Gondomar que asuman un papel de responsabilidade na gobernanza e de transparencia na relación coas veciñas e veciños que se traduza na participación veciñal na vida municipal como ferramenta democrática da relación social no ámbito municipal.
Deste xeito, elabóranse estas propostas de mínimos que consideramos necesarias para que a veciñanza se sinta partícipe da vida diaria municipal, máis alá da representación plenaria e do propio goberno municipal.


A veciñanza precisa sentirse partícipe na vida municipal en consonancia cos principios democráticos, cunha vocación construtiva e de convivencia.
É por iso que se fai necesario o:
1. Recoñecemento das entidades veciñais como autoorganización social que ten a súa expresión no tecido asociativo. Para iso compre actualizar e poñer a disposición pública o rexistro municipal de entidades.
2. Recoñecemento de interlocución representativa territorial ou sectorial ás/aos representantes das entidades democraticamente elixidas/os.
Sendo recomendable:
• A reactivación da Axenda 21 como foro de debate para construcción do Gondomar que queremos.
• A participación veciñal no deseño orzamentario, onde puidera expresar as súas necesidades e se viran reflectidas na capacidade de investimento municipal.
• A apertura dun diálogo coas entidades veciñais e culturais para a promoción das actividades propias, rendibilización de recursos públicos e que puideran aportar opinión sobre o deseño de actividades municipais.
• Elaboración dun Regulamento Municipal de Participación Veciñal.
• Elaboración alomenos dun Consello Municipal de Participación Veciñal.
• Permitir a participación veciñal a nivel plenario, en consonancia coa lexislación vixente.
• Elaboración dun Plan de Formación Veciñal que achegue á veciñanza ao funcionamento, deiretos e deberes municipais.
• A consideración da consulta popular naqueles temas relevantes que poidan afectar á veciñanza.