Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A coordinadora veciñal de Gondomar convoca a participar no pleno do PXOM deste martes.

A coordinadora veciñal de Gondomar convoca a participar no pleno do PXOM deste martes.

Correo-e Imprimir PDF

Os colectivos veciñais reclaman unha exposición pública do PXOM por tres meses. Demandan a apertura do documento e a "inmediata" apertura dun proceso "real" de participación veciñal onde teña cabida suxerir e achegar "inquedanzas e propostas", xa sexa a nivel colectivo como persoal. O pleno extraordinario que se celebrará este martes 3 de marzo, ás 20:00h, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, foi solicitado pola asemblea da Coordinadora de Entidades Veciñais de Gondomar (CEVG) e apoiado por todos os grupo políticos da oposición incluídas as que non contan con representación na corporación.

O reclamo veciñal
Demándase a apertura inmediata dun proceso real de participación pública que, cun prazo máximo de tres meses, inclúa unha ampla exposición de motivos e contido do documento ao conxunto da veciñanza, así como un período de consulta ou recolla de achegas públicas "para que veciñas e veciños, a título individual ou colectivo, poidan expresar as súas inquedanzas e propostas, e que, cun carácter integrador, sexan recollidas no documento".
Piden a presenza da veciñanza no pleno
A CEVG considera "de vital importancia" a asistencia a este pleno "para apoiar as nosas demandas e ser testemuñas das decisións alí tomadas, xa que entendemos que a existencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal aberto á participación e consensuado é fundamental para o desenvolvemento do noso concello. Poderemos comprobar de primeira man se o goberno do concello de Gondomar está a altura", sinalan nun comunicado.
Acordos que presentarán os edís opositores.
Nese senso, os edís da oposición, con maioría no pleno de Gondomar presentarán a debate e resolución un documento de acordo cos seguintes tres artigos.
1º.- Expoñer ao publico como BORRADOR e por un período de TRES MESES a partires da publicación do presente acordo, e aos efectos de lle poder presentar polas entidades veciñais, sociais, políticas, culturais, sindicais, deportivas, ecoloxistas, feministas, Entidade Local Menor de Morgadáns, etc, así como pola veciñanza en xeral, as SUXESTIÓNS que consideren oportunas.
2º.- Creación dun grupo de traballo formado por técnicos tanto do equipo redactor do PXOM coma do Concello; representantes da Corporación Municipal e do Goberno; da Entidade Local De Morgadáns, así como das organizacións veciñais e sociais, co obxecto de analizar e valorar as achegas feitas no período de exposición pública do borrador do PXOM.
3º.- Encomendar ao Sr. Alcalde as tramitacións e xestións que sexan pertinentes coa finalidade de facer efectivo o aquí acordado: publicación do acordo onde corresponda, creación dun grupo técnico de apoio e de información á veciñanza e aos colectivos sociais e veciñais, etc, elaboración do calendario de explicación polas parroquias, poñer os medios e o espazo para facer efectiva a información que se demanda, etc.