Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Un derrube “provocado” de rochas esperta alarma ante o inicio dos cursos no CEIP Chano Piñeiro.

Un derrube “provocado” de rochas esperta alarma ante o inicio dos cursos no CEIP Chano Piñeiro.

Correo-e Imprimir PDF

derrube-chano-1

Varias pedras de gran porte apareceron espalladas na senda peonil dos accesos ao colexio Chano Piñeiro de Gondomar. A escena alarmou a membros da ANPA Pousa de Fontán do citado centro que procederon a denunciar o perigo destes desprendementos de producirse nun día de clases. Consultada Paula Bouzós, concelleira de Educación de Gondomar, explicou que tratábase dunha intervención do Concello sobre unha zona dos accesos ca fin quitar as rochas antes que caeran por mor das previsibles choivas. A intervención comezou o día martes e necesitou de dúas xornadas de traballo. A ausencia de carteis ou sinalización das obras provocou o mal entendido entre a ANPA e o Concello de Gondomar. 


Ver localización do derrube CEIP Chano Piñeiro (Gondomar) no mapa.

Paula Bouzós informou que foi detectada unha brecha na parede vertical que acompaña o perímetro da senda peonil que leva dende a Avenida Elduayen e sube ata a entrada do Chano Piñeiro. Muro natural de terra e rochas produto do desnivel entre os accesos ao colexio e os terreos da zona. Unha vez detectada a fenda, comezou a intervención o día martes e debeu ser interrompida na procura dunha maquinaria de maior porte polas dimensións da mesma.

Segundo as explicacións da responsable de Educación, as rochas derrubadas na primeira xornada foron retiradas coa chegada da nova maquinaria na xornada do mércores. Engade que o arquitecto municipal así como outros técnicos do concello están a estudar unha intervención maior que provea de maior seguranza o lugar. Bouzós lamentou que os membros da ANPA non comunicaran con ela antes de facer a denuncia aos medios.
derube-chano-2

Mais alá do suceso, a ANPA Pousa de Fontán sinala que ten varios escritos presentados ante o Concello de Gondomar denunciando a perigosidade que presentan os accesos do Chano Piñeiro para os escolares. Feito que tamén ten informado a Bouzós en varios dos consellos escolares celebrados nestes anos.

A ANPA reclama ao Concello que teña os accesos acondicionados "con todas as medidas de seguridade", antes do vindeiro 10 de setembro, cando dea comezo a actividade lectiva.