Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar EU denuncia falla de transparencia e retrasos nas actuacións de Vías e Obras de Gondomar.

EU denuncia falla de transparencia e retrasos nas actuacións de Vías e Obras de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
josue-villar

Hai veciños que levan mais dun ano na espera dunha intervención en materia de obras menores do Concello de Gondomar. Actuacións que precisan da intervención directa de maquinaria ou operarios de Vías e Obras da administración como nos casos de arranxos de camiños, cunetas e canalizacións. Esquerda Unida afirma ter constancia desta realidade así como do contrario, petitorios que chegan ao Concello e son resoltos con celeridade, e con antelación aos precedentes. Nese senso sinalan que se está ante un procedemento “caciquil e arbitrario na resolución dos problemas dos veciños”. Engaden que é “canto menos sorprendente que sexa o concelleiro correspondente, neste caso o de Vías e Obras, quen decida cando e como se solucionan cada unha das incidencias que os veciños de Gondomar notifican polo rexistro do Concello”. A formación anuncia que solicitará ao Pleno que se establezan mecanismos para garantir “a igualdade de trato e a transparencia na resolución dos problemas cotiás que afrontan ós veciños”, así como a obriga de  dar resposta por escrito ás devanditas solicitudes.

A versión de EU de como se deciden as actuacións.

O portavoz de EU, Josué Villar, sinala que este procedemento que está a utilizar a administración local, leva  consigo “que o concelleiro correspondente poida decidir a que veciños se lle arranxan os problemas de xeito inmediato, e que veciños teñen que esperar eternamente a que os seus problemas se solucionen”.

Engade que o Concello non ten un protocolo para responder por escrito que acepta ou desestima  cada solicitude concreta. Feito que si ocorre ante demandas a outros departamentos como o de Urbanismo.

Temos constancia de casos de veciños que levan esperando máis dun ano por unha intervención do concello en materia de obras e pequenos arranxos nos activos públicos municipais, mentres que outros veciños co mesmo problema xa o teñen solucionado dende o primeiro día, e isto nos leva a sospeitar do xeito en que se priorizan as obras e reparacións no municipio”, sinala Villar.

Denuncian falla de transparencia

Engade que o concello “pasa completamente de responder ás múltiples solicitudes que os veciños fan por escrito, polo que queda constancia da solicitude no rexistro de entrada, pero non queda por escrito a contestación do concello en canto a aceptación o rexeitamento da mesma, tampouco o día que a administración pretende dar resposta os problemas plantexados”.

EU procura un novo modelo de xestión

Esquerda Unida pretende “un modelo de xestión municipal de obras transparente e en igualdade de condicións entre tódolos veciños”. E para iso esixe que toda solicitude que requira da intervención do concello neste senso “quede ordenada por orde cronolóxica nunha listaxe de obras e reparacións municipais”.

Por outra banda, para os casos “onde a solución do problema concreto supere a capacidade do concello, pensamos que o mínimo é responder ao veciño correspondente co motivo polo cal a administración local non pode solucionar ese problema concreto”.

Instan ao alcalde, e os grupos da oposición a que vía moción en pleno, procedan a “plantexar e dar resposta a tal inxustiza, e que se establezan mecanismos que garanticen a igualdade de trato e a transparencia na resolución dos problemas cotiás que afrontan ós veciños, garantizando resposta por escrito ás devanditas solicitudes”.