Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Concello de Gondomar manifestará á Xunta o seu desacordo co novo mapa sanitario do #SERGAS.

O Concello de Gondomar manifestará á Xunta o seu desacordo co novo mapa sanitario do #SERGAS.

Correo-e Imprimir PDF
Feijoo nun acto do SERGAS

A iniciativa do PSOE, Pleno do Concello de Gondomar resolve "instar" á Xunta de Galicia a dotar a Área Metropolitana de Vigo (a máis poboada de Galicia), con infraestruturas e servizos sanitarios "satisfactorios". O acordo nace como resposta á instrución 7/2013, que entrou en vigor o 15 de setembro de 2013 e que entre outros prexuízos, deixa o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) con só catro referencias únicas, é dicir, técnicas que solo se practican neste hospital. Entrementres, A Coruña conserva once referencias únicas e Santiago, dez.

 

A modificación da Xunta tamén implicará que a área de Pontevedra deixe de depender de Vigo naquelas especialidades que alí non se practican, e que máis de 300.000 persoas sexan remitidas a Santiago en vez de a Vigo. Nese senso, o acordo aprobado a pasada semana en Gondomar sinala a necesidade de manter o mapa sanitario previo á "instrución" e que o CHUVI continúe a ser "o hospital de referencia para a totalidade das provincias de Pontevedra e Ourense".
A moción que fora aprobada por unanimidade da corporación, reclama un proceso cara a incrementar "as referencias únicas para o conxunto de Galicia de novos tratamentos e probas diagnósticas no CHUVI". Ao mesmo tempo, demanda máis recursos que permitan á Área Sanitaria de Vigo manterse como zona "punteira" e de "referencia" para as provincias de Pontevedra e Ourense.

O texto do acordo é similar ao presentado e xa aprobado tamén no concello de Vigo a iniciativa conxunta do PSOE e o BNG. Segundo manifestou o portavoz socialista en Gondomar, Paco Ferreira, a pesar de que na actualidade o BNG non conta con edís no pleno, o texto presentado foi redactado conxuntamente por ambas as dúas agrupacións.