Martes, 28 Sep. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar Antonio Araújo (ANOVA): “Señor Fernando Guitán, rógolle que dimita!”. Pleno de #Gondomar

Antonio Araújo (ANOVA): “Señor Fernando Guitán, rógolle que dimita!”. Pleno de #Gondomar

Correo-e Imprimir PDF
pleno gondomar marzo

O curtocircuíto entre o goberno en minoría (PP-CDL) e a oposición en Gondomar agravouse trala solicitude de dimisión ao alcalde Fernando Guitián presentada no apartado de Rogos e preguntas polo portavoz de ANOVA, Antonio Araújo. Na mesma sesión o portavoz socialista Paco Ferreira sacou adiante unha moción que obrigará a Guitán a comparecer no vindeiro mes de abril ante o pleno. Ambos feitos fundamentáronse na recente imputación xudicial do rexedor por un presunto caso de prevaricación administrativa en relación á adxudicación do servizo de conservación de zonas verdes do concello á empresa Jarma S.L.,  sen concurso público previo. A empresa pertencería ao fillo dun vogal da xestora do PP local.

Neste clima transcorreu a sesión plenaria do pasado xoves onde a oposición tamén botoulle abaixo ao goberno unha modificación de crédito de 53.000€ para complementar o orzamento das obras do auditorio municipal Lois Tobío.

ANOVA pídelle a dimisión ao alcalde.

Antonio Araújo:  “Señor a alcalde, hoxe traía a este pleno unha ducia de preguntas e varios rogos pero, como vostede responde como lle dá a gana e facendo caso omiso de que se propón nelas, decidín converter todo iso nun único rogo: Rógolle que dimita!”

A solicitude de Araújo non recibiu resposta verbal algunha do alcalde Fernando Guitián na sesión, nin de momento o rexedor emitiu pronunciamento algún ao respecto.

Para o concelleiro nacionalista o alcalde debe dimitir “por respecto a esta Corporación Municipal  e sobre todo, por respecto ás veciñas e veciños de Gondomar votaran ou non ao PP.”  Durante a argumentación do rogo, Araújo afirmou que a decisión debe ser tomada por Guitán de xeito inmediato independentemente do percorrido e da resolución xudicial da súa imputación. “Vostede fixo un uso incorrecto de cartos públicos contratando (sen contrato) a unha empresa de xardinería propiedade dos seus amigos do PP” sinalaba o texto lido por Araújo.

Non hai moción de censura no horizonte político de Gondomar.

A pesar da tensa relación existente entre goberno e oposición, nin nacionalistas nin socialistas están a prol de presentar unha moción de censura que obrigue a Guitián a abandonar a condución do Concello de Gondomar. Se ben dende ambas agrupacións veñen formulando publicamente pedidos de dimisión ao rexedor dende que tomou estado público a súa imputación, diversas razoes políticas afastan a moción de censura do horizonte político no municipio.

En primeiro lugar, non existe un plan nin a intención de facelo, que posibilitara un goberno alternativo formado polo conxunto das agrupacións actualmente na oposición: ANOVA, PSOE, IXG e mais o edil díscolo do PP,  Eladio Costas. E por outra banda, a nova lexislación obriga a unha maioría especial cando un dos concelleiros mocionantes foi electo pola agrupación de goberno, como é a situación de Eladio Costas. Nese senso, os nove votos dos opositores ao bipartito non serían suficientes, necesitando nesta hipótese que outro edil do goberno acompañase a iniciativa, suposto sen viso de realidade algunha ata de agora.