Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Apagóns Gondomar: “Nos últimos 45 días lévanse cando menos 5 cortes” por deficiencias do servizo denuncia o BNG.

Apagóns Gondomar: “Nos últimos 45 días lévanse cando menos 5 cortes” por deficiencias do servizo denuncia o BNG.

Correo-e Imprimir PDF

- Os cortes de luz en Gondomar estanse a producir fundamentalmente nas parroquias de Peitieiros, Couso, Morgadáns e Chaín. “Nos últimos 45 días lévanse cando menos 5 cortes”, advirten os nacionalistas. Sinalan que ás veces coinciden coas treboadas pero noutras acontece “con simplemente catro pingas e cunha brisa lixeira”.

O BNG denuncia que varias parroquias de Gondomar volven sufrir continuos cortes de luz. Sinalan que neste concello, todos os anos hai cortes de luz no inverno, coincidindo coas treboadas. Mais o acontecido nos últimos días “aseméllase á situación vivida hai dez anos, en que chegou a haber cortes de varios días”.

Peitierios, Couso, Morgadáns e Chaín os máis afectados

Os cortes de luz en Gondomar estanse a producir fundamentalmente nas parroquias de Peitieiros, Couso, Morgadáns e Chaín. “Nos últimos 45 días lévanse cando menos 5 cortes”, advirten . Nese seno os nacionalistas puntualizan que o 23 de decembro se produciu o corte de maior período de tempo, de máis de 6 horas. Mentres que o pasado xoves 6 de febreiro, data na que se produciu o último, a duración do apagón  foi de máis de hora e media.

Apagóns nas treboadas pero tamén con “catro pingas e cunha brisa lixeira”.

O BNG entende que se ben os apagóns se dan en días de temporal (o do día 23 de decembro foi moi grande), ás veces sucede “con simplemente catro pingas e cunha brisa lixeira”. Ademais, noutras zonas do concello tamén fai o mesmo tempo é non quedan sen luz.

Gas Natural -Fenosa sinala a liña 8 de Valadares

Disque todos os cortes de subministro se producen por avarías nunha mesma zona, concretamente, en Valadares e, en moitas ocasións, na liña 8 de Valadares, segundo informou á agrupación a empresa Gas Natural-Fenosa. Os mesmos estarían motivados por caídas de árbores sobre as liñas que discorren polo monte. Como consecuencia disto, prodúcense explosións en transformadores situados en zonas habitadas, coa conseguinte preocupación da veciñanza polo perigo que isto entraña.

O tendido “obsoleto” da área de Vigo.

Para o BNG “esta situación non se produciría se a liña fose soterrada, o que sería o máis recomendábel”.  Denuncian que a área de Vigo “vive no atraso no que a tendido eléctrico se refire, algo inconcibíbel se consideramos que estamos nun país que produce enerxía eléctrica e que é excedentario”.

O BNG-Gondomar entende que é “inadmisíbel que sendo produtores de enerxía non só teñamos que pagar unhas tarifas abusivas e iguais aos territorios non produtores e que importan enerxía eléctrica, senón que ademais teñamos unhas instalacións obsoletas que non cumpren uns mínimos de calidade nin dan o servizo que a cidadanía precisa”. 

O BNG presenta iniciativas no Parlamento Galego e no Pleno de Gondomar

Ante esta situación o BNG xa presentou unha pregunta no Parlamento Galego, a través de Carme Adán, para saber se o Goberno coñece os motivos dos cortes de subministro eléctrico nestas parroquias e que medidas vai adoptar para amañar esta situación. Neste sentido, o BNG tamén presentou unha moción para debater no pleno municipal do Concello de Gondomar. Ademais o BNG realizará unha charla informativa nos vindeiros días para informar da situación e das xestións realizadas.