Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG pide ao pleno de Gondomar que se posicione en favor da igualdade con motivo do 8 de marzo

O BNG pide ao pleno de Gondomar que se posicione en favor da igualdade con motivo do 8 de marzo

Correo-e Imprimir PDF

-Presentan unha moción no Concello de Gondomar pedindo a derrogación das leis galegas que discriminan ás mulleres e o rexeitamento á reforma da Lei do aborto
O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar rexistrou unha moción no Concello para solicitar que a corporación municipal manifeste o seu total rexeitamento á reforma da actual lei do aborto, e que inste á Xunta de Galiza a retirar as leis galegas de apoio á muller embarazada e de apoio á familia e á convivencia, por non dotaren de servizos nin recursos ás mulleres que queren exercer o seu dereito á maternidade e por suporen un retroceso de décadas na igualdade.


Sinalan que estas leis, "aprobadas polo goberno de Núñez Feijóo, constitúen un adianto da ideoloxía que o PP vén de plasmar no Anteproxecto de lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada, que realmente o que fai é penalizar as mulleres que exerzan o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo".
A organización nacionalista denuncia que, baixo esta "ficticia protección da maternidade", o que se agocha é un intento de volver á concepción tradicional da familia patriarcal, eliminando a corresponsabilidade e facendo recaer sobre as mulleres as tarefas de coidado das crianzas e das persoas dependentes.
Para os nacionalistas esta ideoloxía acha un caldo de cultivo ideal nunha situación "de desemprego xeneralizado e de recortes nos servizos públicos". Denuncian que o goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, financia con cartos públicos programas de apoio ás mulleres xestantes de Galiza que, na súa maioría, están xestionados por ordes relixiosas ou grupos contrarios ao dereito ao aborto. "Entrementres, cada vez se fan máis restritivos os requisitos da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, instáurase o repago dos comedores escolares, limítase o horario das escolas infantís públicas, amortízanse as prazas de matrona, non se substitúen as pediatras e elimínase a gratuidade dos libros de texto"
Por todo isto denuncian que as políticas de Núñez Feijóo "significan un enorme retroceso nas políticas de igualdade dos últimos anos e un paso atrás importante na escasa concienciación acadada na sociedade galega até este momento".
Neste contexto, entenden que a celebración do 8 de marzo "non pode converterse nunha data de celebracións rituais e hipócritas, baleiras de contido, senón que agora, máis que nunca, é unha data en que tamén as institucións deben mostrar con clareza o seu compromiso co avance no recoñecemento dos dereitos das mulleres e de denuncia da involución que se está a producir en todos os ámbitos"
Por esta razón, o Bloque Nacionalista Galego insta ao pleno municipal de Gondomar a posicionarse en favor da igualdade, esixindo a retirada inmediata das leis galegas e estatais que discriminan as mulleres.