Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG presenta unha moción para que o Concello de Gondomar esixa a retirada do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza.

O BNG presenta unha moción para que o Concello de Gondomar esixa a retirada do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza.

Correo-e Imprimir PDF
Cuadriculas

O BNG acaba de propor ao Pleno do Concello que trate unha moción para esixir da Xunta de Galiza a retirada do documento de inicio do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza. A agrupación nacionalista que actualmente non conta con representantes na corporación, propón a elaboración dun novo plan "coa participación e consenso dos axentes que deben forman parte do Consello Galego da Minaría, como marca a Lei 3/2008, de ordenación da minaría de Galiza". Ao mesmo tempo nesta moción proponse tamén prohibir a extracción de minerais metálicos polo sistema de ceo aberto, "eliminando completamente o uso de cianuro ou substancias perigosas que poñan en risco a saúde ambiental e das persoas", así como as técnicas de "fracking", en todo o territorio galego, incluída a plataforma continental.

O BNG reclama nesta moción crear con "urxencia o Consello da Minaría da Galiza, tal como estabelece a Lei 3/2008", de ordenación da minaría, polo carácter estratéxico dos recursos existentes no subsolo e plataforma continental, e que, no caso de haber actividade mineira, se adopten medidas para garantir a reparación do medio afectado pola actividade mineira, unha vez concluída esta.
Finalmente o BNG considera que as autorizacións de explotacións mineiras, "como explotación de recursos non renovables que son, deben estar supeditadas ao impacto que teñan sobre outras actividades económicas que son sustento básico da economía de Galiza e que dependen tamén doutros recursos naturais, como os agrogandeiros, pesqueiros, hídricos, turísticos, forestais ou de lecer". Sinalan que os supostos beneficios económicos e de xeración de postos de traballo non compensan os prexuízos ambientais e socioeconómicos derivados doutros recursos naturais (forestais, agrogandeiros, pesqueiros, hídricos, de lecer ou turísticos) e a saúde humana.
En Galiza existen 520 explotacións mineiras e as concesións chegan a abranguer máis da metade da superficie do país. A maior parte das mesmas foron autorizadas e perviven na actualidade "grazas a normas aprobadas no réxime franquista, que non tiñan en conta a realidade do país nin un aproveitamento sustentábel dos recursos mineiros".
Os nacionalistas sostén que o aproveitamento de recursos mineiros debe ser considerado estratéxico, "decidido desde Galiza en función dos seus intereses, e tutelado desde os poderes públicos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos".
Mais denuncian que "nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado teñen o menor interese en mudar esta situación". Agregan que o plan sectorial de actividades extractivas, "encargado ás empresas do sector mineiro (Cámara Mineira de Galiza) e furtado" á participación das entidades sociais ameaza diferentes lugares "do noso país, entre eles a Serra do Galiñeiro ou o Burato dos Mouros de Pinzás que ocupará unha superficie de 82'5 km2 entre os concellos de Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal, Tui e Tomiño".
Nese senso, sinalan que o concello de Gondomar veríase afectado por varias cuadrículas mineiras catalogadas en diferentes categorías, dende as simples canteiras ata as categorías "máis agresivas como son a explotación das terras raras no Galiñeiro ou a explotación de ouro no Burato dos Mouros, as antigas minas romanas de Pinzás".
O BNG "agarda que o Pleno do Concello de Gondomar sexa sensíbel ás demandas sociais e someta a debate esta moción e se pronuncien contra este Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza".