Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Eladio Costas afonda diferenzas co alcalde e cualifica a súa xestión como despótica.

Eladio Costas afonda diferenzas co alcalde e cualifica a súa xestión como despótica.

Correo-e Imprimir PDF
eladio-costas

O ex tenente de alcalde de Gondomar Eladio Costas (PP) séntese vítima dunha política de “secretismo” e “ocultismo”, que segundo afirma, practicara o alcalde Fernando Guitián para con el durante a convivencia no goberno. Nunha conversación con esta Redacción, Costas asegurou que no bipartito (PP-CDL) non existe o traballo en equipo. No transcurso deste mércores, o aínda concelleiro popular, achegou por escrito a súa opinión destes dous anos de goberno municipal, na que cualifica de “desgoberno” e “despotismo” a xestión do rexedor.

O edil díscolo está convencido que ata de agora, o goberno do que formaba parte “non cumpriu ningunha das promesas electorais”. E apunta a Guitián, responsabilizándolle pola “parálise da administración municipal”, o estancamento do plan sectorial de A Pasaxe e o PXOM, entre outras iniciativas “iniciadas por anteriores corporacións”. O escrito reitera unha serie de críticas sobre o estilo de condución do rexedor municipal,  que Costas xa fixera públicas en anteriores ocasións.

Eladio Costas relata  algúns dos motivos da separación política co alcalde.

Eladio Costas enumerou unha serie de feitos que remataron por distanciar a relación persoal co alcalde. Sinalou por exemplo que non era informado cando o rexedor se ausentaba do municipio, a pesar de ter responsabilidades de primeiro tenente de alcaldía. Agregou que  atopaba pouca receptividade nas propostas relativas a seguridade ou espazos públicos que en tanto responsable das mesmas facíalle nas reunións de goberno. En tanto compañeiros de partido, sentiu impropio que se decatase pola prensa que Guitián asumía como deputado provincial. Pero o que máis feriu a Costas foi que o día que faleceu a súa nai, o rexedor non suspendera unha xunta de goberno municipal que debía celebrarse esa tarde.

Costas afirma ter votado a Araúxo en eleccións anteriores porque antepón ás persoas sobre os partidos.

Na conversación con Valminor.info, Costas evitou responder se ía abandonar o PP. Mais salientou que non é un “home de partidos”. Admitiu que aceptou integrar a lista popular nas pasadas eleccións porque quería “traballar polo ben dos veciños de Gondomar”, e para iso contaba co apoio dun referente local de peso como o ex alcalde Ramón Sestelo. Tempo despois deuse de alta no Partido Popular. Nembargante, afirmou ter votado ao nacionalista Antonio Araúxo en eleccións anteriores, “porque eu valoro sobre todo ás persoas”, sinalou.

“Agora toca seguir a traballar polos veciños de Gondomar”.

Logo da súa baixa do equipo de goberno, asegura que agora “toca seguir a traballar polos veciños de Gondomar” como edil ata o final do mandato. Nese senso adianta no escrito emitido esta tarde que denunciará as xestións que o bipartito (PP-CDL) está a seguir co saneamento da vila, nomeadamente , coas obras da fosa séptica que se está a construír fronte á urbanizacións As Garzas. Sinala que dita intervención  “es simplemente irresponsable e  ilegal, además, en este caso perjudicial para los vecinos afectados y que no va a solucionar los problemas de las inundaciones en el casco de Gondomar por no estar contemplados los dos tanques de tormentas en los ríos Miñor y Zamanes, ni tampoco contempla la red separativa de aguas pluviales y fecales”. Neste eido, tamén sinala no escrito a súa posición contraria á “construcción de un muro con gradas en el CDL, que lo convertirá en una piscina, e inundará más el Parque de A Coelleira”.