Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar ANOVA: Gondomar está gobernado “por diferentes familias do PP” nunha “unión temporal de intereses”.

ANOVA: Gondomar está gobernado “por diferentes familias do PP” nunha “unión temporal de intereses”.

Correo-e Imprimir PDF
concello gondomar

-Co título “Dous anos perdidos”, ANOVA  fai público un documento de valoración da xestión do goberno bipartito (PP-CDL) en Gondomar . O documento céntrase na xestión das concellarías de Economía e Facenda, Urbanismo, Vías e Obras e a de Medio Ambiente para concluír que “Gondomar ten un goberno municipal e un alcalde incapaces de dialogar coa sociedade  a quen se debe”, e dirixido por un PP “encerellado nas súas leas internas”.

O pasado sábado 22 de maio cumpríronse dous anos do actual mandato municipal encabezado polo popular Fernando Guitián. “Un tempo de cortesía abondo polo que agora cómpre facer a valoración pública do actual goberno local”, sinala o concelleiro Antonio Araúxo, na presentación das conclusións do equipo de cinco edís nacionalistas (non adscritos) actualmente integrados a ANOVA. Nese senso o informe comeza por definir ao bipartito (PP-CDL) como unha “unión temporal de intereses”, das “diferentes familias do PP”, á que “agora hai que lle sumar unha nova peza: o disidente Eladio Costas”.

Para os nacionalistas “Entre eles sempre se  entenden e o demais son foguetes de artificio para despistar”.  Na súa opinión ao igual que a que fai “a cidadanía na rúa” se pode sintetizar a xestión do bipartito como: “desgoberno, desleixo, cobro de dedicacións exclusivas e nula xestión municipal”.

Acusan á concelleira Natalia Salgueiro de cobrar dedicación exclusiva “por non facer o seu traballo”.

O documento denuncia a existencia de orzamento prorrogados dende o ano 2011 polo bipartito. O que revela para ANOVA que se estes son a “ferramenta básica  de calquera goberno  e  a expresión cifrada das súas intencións e obxectivos”, Gondomar atópase cunha política municipal “nula” no referente a mellorar as condicións de vida da veciñanza.

Para os nacionalistas, existe o agravante que a concelleira de Economía e Facenda (Natalia Salgueiro – CDL), “cobra unha xenerosa dedicación exclusiva por non facer o seu traballo en tempo e forma”. Agregan que a maiores existen gastos e contratos “sen control” e as Contas Xerais “sen aprobar”, polo que Gondomar levar perdidos máis de un millón de euros en subvencións neste dous anos de goberno.

En Urbanismo “no canto de dar licenzas revisan as concedidas para seren anuladas”.

A visión nacionalista da xestión do concelleiro de Urbanismo, Carlos Lameiro (PP) tampouco é merecedora de gabanzas. “No urbanismo a parálise é evidente” sinalan, a pesar que nesta área “tamén hai concelleiro con dedicación exclusiva e mentres, no canto de dar licenzas revisan as concedidas para seren anuladas”, sentenza o informe.

Nesta materia acusan ao Partido Popular de utilizar a política urbanística para “uso partidario e electoralista”. Neste punto salientan a incapacidade do bipartito para quebra os nove anos de “parálise” que leva o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Gondomar (PXOM), dende a anulación xudicial de 2005 do plan do 97. Agregan que do novo PXOM “o único que sabemos é que o goberno municipal non quere o consenso con ninguén, e menos escoitar ás organización veciñais e sociais de  Gondomar”. Por último denuncian cós núcleos do ano 1991 “revividos  e que seica ían ser a panacea, non resolveron nada como era evidente”.

Vías e Obras: a concellaría do ”menudeo”.

Da concellaría xestionada por Jesús Salgueiro (PP), a valoración nacionalista pode resumirse na afirmación “dedícase ao menudeo”. A mesma salienta que como no municipio “non hai cartos nin capacidade política”, para xestionar recursos noutras administracións, fan unha política que “ten máis que ver co clientelismo que cunha programación sistematizadora de melloras nas infraestruturas”.

“ Coma mostra un botón” sinala o documento, “ faltoulles facer repinicar as campás porque o Goberno Municipal deu arranxado 80 pozos de rexistro de sumidoiros.  Inaudito,  o mantemento diario elevado á categoría de grandes obras”.

Na Concellaría de Medio Ambiente: “GESECO segue mandando”.

Na valoración da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Juan Carlos González (PP), os nacionalistas afirman que “GESECO segue mandando” na recollida do lixo, mentres o Concello paga “relixiosamente o sobrecustes que a concesionaria quere.” Lamentan que a todo isto o servizo non mellora e “por riba coa concesión que tiña que estar rematada hai tres anos”. “Iso si –agrega o informe-, malia estar sen regularizar o servizo, o PP aprobou cobrar o recibo do lixo.

“Gondomar ten un goberno municipal e un alcalde incapaces de dialogar coa sociedade  a quen se debe”

O informe céntrase naquelas áreas onde os nacionalistas levan desenvolvendo o seu maior  traballo de oposición, puntualizou Antonio Araúxo a Valminor.info. Nese senso, o escrito remata cun resumo das principais carencias que en liñas xerais ANOVA ve na xestión do equipo do alcalde Fernando Guitián. “Gondomar ten un goberno municipal e un alcalde incapaces de dialogar coa sociedade  a quen se debe” comeza por afirmar o escrito neste punto.

Tamén sinalan incapacidade para “planificar o futuro do noso Concello, aínda que sexa para estarnos preparad@s cando a situación mellore ou,  de xestionar diante das diferentes Administracións (por certo, todas do PP) para rematar obras e proxectos que outros puxemos en marcha con moito esforzo: a urbanización e ordenación do Polígono Industrial da Pasaxe, a construción do Paseo Fluvial pola beira do Río Miñor, ou o novo Centro de Saúde”.

O PP está “encerellado nas súas leas internas” e se fora unha empresa tería como mínimo un “ERE”.

Os cinco concelleiros nacionalistas rematan o seu informe de valoración afirmando que “Nada disto lle importa ao PP de Gondomar encerellado nas súas leas internas”, que obriga aos contribuíntes a manter “un goberno municipal ineficaz e onde cobran seis  de nove” concelleiros.

“ U-lo a promesa de xestión  empresarial que prometerá o Sr. Alcalde cando a súa toma de posesión?”, pregúntase .” De ser isto posible a día de hoxe estarían todos ele@s despedidos ou, como mínimo cun ERE de extinción en tramitación” sinalan no peche do documento.