Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Veciños de Vilaza obteñen da Xunta a validación de 8 licenzas outorgadas polo ex alcalde Carlos Silva.

Veciños de Vilaza obteñen da Xunta a validación de 8 licenzas outorgadas polo ex alcalde Carlos Silva.

Correo-e Imprimir PDF
fernando-guitian-alcaldia

A Xunta valida 8 licenzas outorgadas polo Concello de Gondomar en Vilaza entre os anos 2006 e 2007.

-Así o recoñecía Fernando Guitián despois de manter unha reunión coa directora do organismo autonómico

- A APLU abría expediente, en outubro do pasado ano, contra seis chalés e dúas parcelacións por considerar que se encontraban en chan rústico

Seis meses despois de que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) denunciase o estado de oito licenzas urbanísticas no barrio de Vilaza, o alcalde Fernando Guitián deu a coñecer nesta xornada que, finalmente, estes permisos serán considerados como válidos. Así o expresou logo da reunión que mantivo coa directora do organismo autonómico, María Martínez Allegue, na que tamén estiveron presentes veciños propietarios da zona.

En outubro do pasado ano, a APLU, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, abría expediente de reposición de legalidade contra seis chalés e dúas parcelacións no barrio de Carrasquedo de Abaixo, na parroquia de Vilaza. A notificación alegaba que as devanditas vivendas se encontraban en chan rústico e recordaba que, debido á anulación do PXOM do 97, só se permitía a edificación en chans urbanos consolidados.

Despois de seis meses e tras numerosas alegacións dos veciños afectados e informes elaborados polo Concello de Gondomar que demostraban a legalidade das construcións, a APLU afirma que non continuará adiante coas denuncias e que, finalmente, as licenzas serán consideradas válidas; noticia que causou unha grande alegría entre os veciños.

Fernando Guitián recoñece que "o goberno municipal sempre estivo ao lado dos veciños afectados e fixo todo o posible para que finalmente se chegase a este desenlace".